publicidade hoxe

Cortes puntuais no suministro de auga en Teo por traballos na Etap e nos depósitos de auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Os traballos de ampliación da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Pontevea, que está realizando nestes meses Augas de Galicia, chegan a semana próxima a un punto crucial. O martes 29 de abril está previsto colocar as novas bombas de captación de auga, o que pode provocar cortes de auga puntuais no subministro municipal. Nos días seguintes tamén se vai proceder á limpeza do depósito de Rial do Mato que pode conlevar que ata o 6 de maio se repita algunha interrupción na traída ou se detecten problemas de turbidez.

O concelleiro de Infraestructuras, Rafael Sisto, destaca que durante estes días “pódense producir algunhas molestias que intentaremos minimizar utilizando medidas paliativas durante os traballos como o uso de depósitos alternativos”. Os traballos previstos para os próximos días “deben supor en termos prácticos que a rede de subministro de auga potable deixe de ter os problemas de fluxo e sobre todo de turbidez que vimos padecendo dende hai anos” explica Sisto. Os traballos na ETAP continuarán aínda durante preto de dous meses, mais a colocación das novas bombas mellorará sensiblemente a situación.

Segundo informan dende Augas de Galicia o próximo martes 29 de abril farase o cambio das bombas de captación de auga, quitando as vellas e instalando as novas. A previsión é que esta tarefa se realice nun prazo de 12 horas e traballarase cos depósitos de auga cheos. Deste xeito espérase que a repercusión no subministro se minimice aínda que non se pode garantir que non se produza durante esa xornada e a seguinte algunha interrupción puntual.

Dende o Concello acordouse facer tamén a limpeza do depósito de Rial do Mato, o máis grande de Teo, dende o que se subministra a auga a todo o Concello. Trátase dun depósito cunha capacidade de 4000 metros cúbicos dende o que se fan bombeos aos de Pedrouso, A Póboa e Os Tilos. Para realizar a limpeza vaise traballar cos depósitos secundarios cheos e con cisternas alternativas pero obviamente para limpalo o depósito principal ten que baleirarse completamente. Esto pode provocar de novo algunha interrupción na traída de auga municipal e sobre todo problemas de turbidez entre os días 29 de abril e 6 de maio.

Dende o Concello solicítase que a veciñanza neses días limite o consumo de auga da traída ó mínimo imprescindible. Aínda que se traballará cos depósitos ó máximo e cisternas alternativas e se confía en que os traballos se realicen co cronograma previsto non se pode calcular o que durarán as reservas de auga. Tendo en conta esto confiase nun uso responsable da auga nesas xornadas, entre o 29 de abril e o 6 de maio.

Características técnicas

A ampliación da ETAP proxéctase para garantir unha potabilización de auga bruta para un caudal de 100 litros por segundo. O proxecto que se está executando contempla a substitución das bombas actuais para pasar a dúas bombas de 100 l/s (unha en reserva), así como a tubaxe de impulsión e o colector xeral de impulsión coas súas respectivas válvulas de comporta e retención, entre outras actuacións.

Entre as accións contempladas, destaca a implantación dun decantador lamelar no proceso de tratamento para unha capacidade de 100l/s, así como unha cámara de auga tratada con sala de bombas que alimente a etapa de filtración. Prevese a instalación dunha liña de filtración igual á existente, duplicando a capacidade actual. Ademais, levarase a cabo a automatización no proceso de tratamento de potabilización, así como a incorporación de turbidímetro de auga bruta e tratada, medidor de PH e de cloro residual residual, entre outra.

24 de abril de 2014 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.