“Correndo por Ourense” comezará este domingo coa primeira proba que percorrerá o barrio do Vinteún

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O circuíto de carreiras populares “Correndo por Ourense”, que organiza o Consello Municipal de Deportes, comezará este domingo, día 27 de abril, coa primeira proba, que percorrerá o barrio do Vinteún. Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse nesta primeira carreira, e no conxunto do circuíto, ata mañá, mércores, 23, a través da páxina web www.deportesourense.com.

O prezo do circuíto é sete euros (para as categorías junior, promesa, sénior e veteráns), que inclúe a participación en todas as carreiras a celebrar. Para figurar na clasificación xeral final, é preciso participar, como mínimo, en cinco das probas. Unha parte da inscrición será destinada, como se vén facendo en edicións anteriores, a algunha organización social da cidade.

A carreira do Vinteún dará inicio a esta nova edición de Correndo por Ourense, que incluirá un total de 6 carreiras, que se desenvolverá dende o mes de abril ata outubro, mes previo á competición deportiva central, a carreira do San Martiño.

A proba deste domingo, coma as restantes, estará dividida en catro circuítos, con catro saídas diferenciadas. O circuíto pitufos (100-200 m.), o circuíto benxamín/alevín (1.000-1.500 m.), o circuito infantil/cadete (2.400-3.200 m.) e o circuíto xuvenil, júnior, promesa, sénior e veteráns (5.600 a 6.400 m.). Nos seguintes meses, as carreiras se celebrarán no Couto (31 de maio), no Centro (29 de xuño), na Ponte (7 de setembro), no Campus Universitario (28 de setembro) e na Carballeira (26 de outubro).

22 de abril de 2014 | 11:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.