“Correndo por Ourense” acada a súa cuarta edición con seis probas nos barrios da cidade
O Salón de Plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá a presentación da cuarta edición do Circuíto de Carreiras Populares “Correndo por Ourense” que organiza o Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense. Na presentación, á que asistiron o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, o concelleiro de Deportes, Alfonso Vilachá, a coordinadora das probas, Marga Míguez, e o xerente en funcións do Consello Municipal de Deportes, Cándido Gómez, desgranaron os detalles das seis probas que terán lugar na nosa cidade desde o presente mes de abril e ata outubro, o mes previo á competición deportiva central, a carreira do San Martiño.
Todas aquelas persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición desde esta mesma mañá, a través da páxina web www.deportesourense.com. O prezo do circuíto é de sete euros (para as categorías junior, promesa, sénior e veteráns), que inclúe a participación en todas as carreiras a celebrar. Para figurar na clasificación xeral final, é preciso participar en a lo menos cinco das probas.
De abril a outubro
A primeira das probas a celebrar terá lugar no Vinteún, o día 27 deste mesmo mes. Coma as restantes, estará dividida en catro circuítos, con catro saídas diferenciadas. O circuíto pitufos (100-200 m.), o circuíto benxamín/alevín (1.000-1.500 m.), o circuito infantil/cadete (2.400-3.200 m.) e o circuíto xuvenil, júnior, promesa, sénior e veteráns (5.600 a 6.400 m.).
Nos seguintes meses, as carreiras se celebrarán no Couto (31 de maio), no Centro (29 de xuño), na Ponte (7 de setembro), no Campus Universitario (28 de setembro) e na Carballeira (26 de outubro).
Solidariedade
Unha parte da inscrición será destinada, como se vén facendo en edicións anteriores, a algunha organización social da cidade. Na presentación desta mañá, o concelleiro de Deportes, Alfonso Vilachá, fixo entrega a Cruz Vermella dun cheque por valor de 755 euros, como parte da inscrición obtida na terceira edición do Circuíto, no que participaron máis de 1.000 deportistas.











