Cores Tourís reuníuse con Emgrobes quen lle trasladou a intención de instalar unha pantalla led no centro do Grove

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO GrovePontevedra
A-
A+
Cores Tourís na reunión con Emgroves

Cores Tourís na reunión con Emgroves

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu esta mañá os representantes de Empresarios Grovenses de Bens e Servizos do Grove, Emgrobes, con que analizou a situación do municipio e en especial, as accións a levar a cabo para potenciar o comercio de proximidade neste Concello.

Na reunión estiveron presentes José Besada, Lorenzo Leiro e Pablo Agrelo, que explicaron a Cores Tourís o seu proxecto para instalar unha pantalla led luminosa nas inmediacións da nova rotonda da avenida de Beiramar, “co obxectivo de atraer aos visitantes e veciños cara á compra no comercio local”.

Os responsables de Emgrobes consideran que “se trata dun dos métodos máis utilizados na actualidade e que posúe un maior impacto”. Segundo José Besada, “nesta pantalla poderanse emitir spots publicitarios, vídeos, imaxes e textos en movemento, o que supón unha maior efectividade respecto a publicacións en valados estáticas. Permitirannos como elemento de apoio para a difusión das iniciativas dos nosos asociados e, á vez, comunicar información de tipo xeral”.

Segundo explicaron os responsables da asociación de empresarios, este elemento será instalado a través da liña de axudas da Consellería de Economía e Industria para a potenciación do comercio local ás que accedeu Emgrobes.

Os empresarios aproveitaron a visita ao delegado territorial para trasladarlle a necesidade de que Portos de Galicia dea o seu permiso para a instalación desta valla, xa que se colocaría nunha zona afectada polo ente autonómico.

Por outra banda, durante o encontro os empresarios mecos tamén fixeron balance co delegado territorial dos temas de interese para o concello de O Grove como é o avance na aprobación do PXOM ou a situación da depuradora do municipio.

Cores Tourís destacou o traballo levado a cabo nos últimos anos por esta asociación meca, en especial, de cara a potenciar o comercio de proximidade. “Os éxitos son froito tanto da importante labor de Emgrobes como da colaboración entre administracións, concello, Deputación e Xunta. Entre todos conseguiuse sacar adiante iniciativas como a reforma da praza de abastos, entre outras melloras”, matizou o delegado territorial.

Emgrobes naceu en 1986 da man dun grupo de empresarios da localidade meca, co obxectivo de defender de forma conxunta os seus intereses e ter un maior peso específico no sector do comercio. Engloba case todos os sectores económicos da localidade, como hostalería, comercio, industria ou construción. Graza a experiencia adquirida en 2001 crean o Centro Comercial Aberto “De Tendas”, co que se unifica baixo unha marca común o comercio do Grove. Entre as súas iniciativas actuais se atopa a posta en marcha do comercio electrónico a través da nova páxina web www.ofertasnogrove.com

4 de abril de 2014 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.