Cores Tourís recibe á nova directiva do Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraSanxenxo
A-
A+
Cores Tourís na reunión co Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo

Cores Tourís na reunión co Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu esta mañá a nova directiva do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo que acudiron ata a Delegación Territorial para presentarse e transmitir as súas inquietudes e demandas á Administración autonómica.

Na reunión estiveron presentes o novo presidente do consorcio, Alejandro Touriño, e o vicepresidente, Alfonso Martínez, así como o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.

Entre os temas que se analizaron neste encontro se encontraron a necesidade da mellora da sinalización vertical dos establecementos hoteleiros da localidade do Salnés nas estradas autonómicas. Neste senso, trasladaron ao delegado que, en breve, presentarán ante a Xefatura Territorial de Medio Ambiente unha proposta concreta de sinalización. “O obxectivo é que os visitantes saiban chegar correctamente ata os nosos hoteis e, especialmente, que coñezan a oferta existente”, explicou Touriño.

Ademais, tamén trasladaron a Cores Tourís a súa preocupación pola oferta ilegal que existe no concello de Sanxenxo en relación as pernoctacións. “Houbo un gran boom inmobiliario neste municipio e agora hai quen quere aproveitar que ten un piso nesta localidade para ofrecer aloxamentos, apartamentos ou habitacións sen estar dado de alta como empresario do sector turístico, o que para nós supón, evidentemente, unha competencia desleal”, argumentou o novo presidente do consorcio, quen solicitou un maior control da situación por parte da administración autonómica.

A mellora de internet foi outra das demandas da asociación, “xa que aínda que nos núcleos urbanos a cobertura é boa, no resto do municipio non o é tanto, e nós contamos con moitos turistas que veñen a gozar da praia e da gastronomía pero que non queren desconectar do mundo e do seu día a día e, en moitos casos, se atopan cun servizo deficiente no que a conexión a internet se refire”.

O mantemento dos socorristas e do balizado tamén se analizou na reunión, dándolles traslado o delegado territorial do contacto permanente entre o concello e a Delegación da Xunta para que, a lo menos, se manteñan estes servizos tal e como se viñeron ofrecendo nos anos anteriores. “Para nós sería tamén moi importante que aumentara o control policial nas zonas de ocio do concello, en especial nas épocas de maior afluencia turística, como pode ser o verán ou a propia Semana Santa”, engadiu Alejandro Touriño, “xa que nesas épocas, cando aumenta moito a afluencia de visitantes, sempre se producen incidentes que desexaríamos evitar”.

Neste senso, recordou Cores Tourís que tanto a Subdelegación do Goberno como a propia Policía Local de Sanxenxo están tamén en contacto permanente para intentar frear este tipo de situacións, “en especial na zona portuaria onde se concentran a maioría dos locais de ocio”.

Finalmente, os dous representantes da Comisión de Empresas Turísticas de Sanxenxo tamén trasladaron ao delegado territorial a súa preocupación pola situación na que se atopa a reforma da PO-308 ao seu paso pola zona de A Lanzada. Segundo lle trasladou Cores Tourís, nestes momentos xa comezou a levarse a cabo as expropiacións dos terreos “de cara a que cando se faga o repranteo da obra esta poida comezar canto antes”.

3 de abril de 2014 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.