Convocatoria de subvencións para reducir o impacto ambiental e mellorar a seguridade do servizo de taxis da Coruña
A Concellaría de Tráfico e Mobilidade informa de que se destinan 60.000 euros a subvencións para auto-taxis híbridos, eléctricos, a gas natural, gas licuado de petróleo (glp) e demais combustibles alternativos; para a instalación de medios de seguridade como biombos e GPS; así como para a implantación de vehículos destinados a Eurotaxis, para persoas con mobilidade reducida.
O Concello aprobou abrir un prazo para a solicitude destas axudas para mellorar o servizo de taxis da cidade, cun investimento que supón un incremento do 9% con respecto á última convocatoria, de 2013. As bases que regularán esta convocatoria publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP), paso previo á apertura do período para solicitar as subvencións.
A convocatoria e o importe de subvencións para 2014 foron acordados co sector do taxi, para adaptarse ás verdadeiras necesidades do colectivo. Estas axudas a fondo perdido forman parte dos obxectivos de sustentabilidade do grupo de goberno e contribúen a garantir o dereito á mobilidade das persoas en toda a cidade e a calquera hora. Así, o departamento municipal que dirixe Begoña Freire convoca estas subvencións para cumprir varios requisitos:
– Mellorar a calidade obxectiva do servizo por encima dos estándares habituais, atendendo a requirimentos de seguridade e accesibilidade. Neste apartado, as axudas son para a colocación de biombos de separación, dispositivos electrónicos como os GPS ou potenciar a substitución dos vehículos tradicionais por outros adaptados a persoas con mobilidade reducida, como son os Eurotaxis.
– Reducir o impacto ambiental. Un dos obxectivos do grupo de goberno é contribuír á paulatina substitución de vehículos de combustibles fósiles por outros de menor impacto ambiental, como son os híbridos, eléctricos, híbridos enchufables, de glp, gas natural e demais vehículos de combustibles alternativos. O Concello destaca que o sector do taxi coruñés está comprometido coa cidade e co medio ambiente, xa que máis do 20% da flota de taxis utiliza combustibles alternativos, contribuíndo así a rebaixar as emisións de óxido de nitróxeno e CO2.
As axudas que concede a Concellaría de Tráfico e Mobilidade teñen, como na convocatoria de 2013, un importe máximo de 2.950 euros por Eurotaxi adaptado a persoas con mobilidade reducida, por vehículo eléctrico, híbrido enchufable ou vehículo híbrido; de 2.000 euros por vehículo auto-taxi a glp, gas natural ou outro combustible alternativo; e de 150 euros para instalación de medios de seguridade ou innovacións técnicas como biombos e GPS.
En 2013, as subvencións tiveron moi boa acollida, concedéndose un total de 24 axudas, das que 21 estiveron relacionadas con solicitudes destinadas á adquisición de vehículos híbridos, híbridos enchufables, gas licuado de petróleo, gas natural, eléctricos ou outros combustibles alternativos, así como á adquisición de vehículos destinados a eurotaxi. As outras tres subvenciones corresponderon á instalación de medios de seguridade mediante biombos e GPS.











