publicidade hoxe

Convócase o concurso de ideas para a redacción do anteproxecto do centro de usos náuticos da Illa de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de Arousa
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acordou hoxe convocar o concurso de ideas para a redacción do anteproxecto do edificio de usos náuticos da Illa de Arousa.

O obxectivo é que as achegas dos estudos e profesionais que decidan participar no concurso permitan obter o mellor deseño para un centro náutico que está chamado non só a dotar de instalacións dignas os clubs deportivos da illa, senón a servir de atractivo turístico nunha zona de alto valor neste concello, como é a area do Bao, na mesma entrada do municipio.

O gañador do concurso recibirán un premio de 6.000 euros e poderá responsabilizarse do proxecto definitivo e da dirección da obra.

Pola súa banda, o segundo e mais o terceiro clasificados obterán cadanseu premio de 6.000 euros.

Á hora de valorar as propostas que se presenten teranse en conta cuestións como a integración arquitectónica na paisaxe, dadas as especiais características da zona; que sexa accesible para persoas con mobilidade reducida; unha presentación atractiva e orixinal; que teña en conta criterios de aforro enerxético ou facilidades no mantemento das instalacións.

Previsto para construír nunha parcela de 3.888,33 m², o edificio deberá contar cunha zona común de acceso a espectadores e usuarios, con vestíbulo e control de accesos; unha zona de administración e área de servizos públicos; ximnasio, vestiarios e almacéns, así como unha área destinada a piragüismo, con almacén de piraguas e hangar para furgonetas, lanchas e remolques; zona de adestramento e sala de ergómetros; ademais dunha área para a Asociación de Dornas A Vela, con almacén e taller de reparación, entre outras.

Tal e como sinalou o presidente da Deputación, estas obras, longamente demandadas, veñen a dar resposta á necesidade do club de piragüismo e da Asociación de Dornas a Vela de contar cunhas instalacións adecuadas, que permitirán que un concello “cunha indubidable e forte vinculación co mar” dispoña dun centro destinado a usos náuticos e deportivos.

Con esta finalidade, a Deputación consignou xa nos seus orzamentos de 2014 unha partida de 500.000 euros destinada a estes traballos e coa intención de axilizar ó máximo a súa execución.

11 de abril de 2014 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.