publicidade hoxe

Controladas varias verteduras nos concellos de Santiago de Compostela, Touro e Tordoia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaSantiago de CompostelaTordoiaTouro
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de membros de Augas de Galicia, comprobou recentemente a eliminación de varias verteduras en distintos concellos próximos a Santiago de Compostela e na propia capital de Galicia. Estes traballos foron levados a cabo por parte de técnicos do Plan de Control de Verteduras (PCV), que son os que teñen responsabilidade nas labores de control e eliminación deste tipo de residuos existentes no ámbito da demarcación hidrográfica intracomunitaria de Galicia Costa

A primeira das contaminacións tivo lugar no río Sar, atopado logo das actuacións feitas por parte do persoal do PCV, grazas a unha alerta notificada este mesmo mes. O aviso denunciaba a afección que presentaba o río Sar á altura do parque compostelán de Eugenio Granell.

Posteriormente, desprazáronse ata a zona o persoal de garda do que dispón este operativo para a atención de alertas fóra do horario laboral, así como días non laborables. Así, realizouse unha primeira inspección visual do río, concluíndo que os aportes contaminantes que estaban a ocasionar a afección estaban localizados no tramo canalizado baixo a rúa do Restollal.

Comprobouse que as verteduras, procedentes da rede de saneamento, estaban ocasionados por un atranco no colector de saneamento, que discorre polo leito do río ao longo do tramo canalizado. Horas máis tarde, os operarios da empresa xestora completaron as labores de desatranco, podendo verificar o cese dos vertidos, así como a desaparición da afección que presentaba o río á altura do parque Eugenio Granell.

Concello de Tordoia

Outra das verteduras contaminantes que atopan os expertos do Plan de Control de Vertidos e da Gardería Fluvial de Augas de Galicia producíase no regato de Riveira da Pena, pertencente á bacía do río Anllóns, ao seu paso pola parroquia de Andoio, no termo municipal de Tordoia.

O punto atopouse tras unha denuncia particular recibida na web de Augas de Galicia. Despois de inspeccionar a zona e proceder á toma de mostras, os técnicos detectaron indicios de contaminación procedentes dunha explotación gandeira próxima á vertedura. Revisada a instalación, detectouse que a vertedura tiña a súa orixe nas augas residuais derivadas da zona de silos, polo que requiriron ao titular a reparación desta situación.

Recentemente, nunha nova inspección comprobouse que o titular eliminou o vertido de augas residuais ao Dominio Público Hidráulico, tras conectar as augas procedentes dos silos á balsa de xurros existente na explotación. Os técnicos dependentes da Administración Hidráulica constataron unha melloría notoria no estado do regato, non observando indicios de contaminación nas súas augas.

Concello de Touro

Nas continuas inspeccións levadas a cabo por parte do persoal do Plan de Control de Vertidos, en colaboración coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia, permitiron emendar outras deficiencias máis, detectadas nunha empresa de xestión de residuos asentada no Concello de Touro, e que supoñían potenciais puntos de vertido contaminantes ao dominio público.

Cómpre indicar que a empresa conta con autorización da Administración Autonómica para verteduras ao dominio público das augas residuais fecais previamente depuradas, pero non así para as augas residuais industriais, que deben de ser reempregadas no proceso produtivo. Neste senso, na visita de inspección xirada á empresa, os técnicos de Augas de Galicia observouse a existencia dun punto de rebouse no sistema de depuración para o tratamento e reemprego das augas residuais de natureza industrial, así como deficiencias na rede de recollida e almacenamento de lixiviados.

En base a estes feitos, requiriuse á mercantil para que procedese á súa emenda, outorgándolle un prazo para a realización das medidas a implantar e que asegurasen que non se producisen vertidos ao dominio público.

Logo de notificación remitida pola empresa a Augas de Galicia, nunha recente visita de confrontación puideron verificar o selado do punto de rebouse do sistema de depuración así como o acondicionamento e mellora do sistema de recollida de lixiviados.

26 de abril de 2014 | 12:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.