Continúan as labores de posta a punto dos areais de Cangas de cara a temporada estival
Dende o concello de Cangas continúase traballando na limpeza manual das praias do municipio para que todo estea a punto para o desfrute dos areais durante os meses de bo tempo. Esta semana rematou a limpeza do areal de Liméns e o luns comezarase coas praias da Ría de Aldán.
Así mesmo, onte venres deu comezo a limpeza mecánica con limpapraias na praia de Rodeira, á cal se lle deron dúas pasadas en lugar de unha, para tratar de eliminar totalmente os numerosos residuos que foron arrastrados polo mar a causa dos fortes temporais que azoutaron O Morrazo nos meses de inverno. O luns retomarase a limpeza mecánica no resto dos areais.
O concelleiro de Praias Jesús Graña anunciou que este ano dende o concello procedeuse á compra dunha nova “malla” para mellorar a eficacia do limpapraias municipal. Ademais, o concello ten a súa disposición estes días a maquina limpapraias proporcionada pola Deputación de Pontevedra para a Mancomunidade de Concello do Morrazo.
Limpeza dos accesos
Graña tamén quixo resaltar que a brigada medio ambiental continúa coa limpeza dos accesos as praias, traballando en Areamilla e Liméns.
Todas estas actuacións teñen como finalidade o acondicionamento das praias para que tanto os veciños e veciñas de Cangas coma os visitantes poidan desfrutar dun dos maiores atractivos do noso concello durante as épocas de bo tempo.
Esta mañá, aproveitanto o sol e as altas temperaturas, xa se podían ver algúns bañistas nos areais cangueses.











