Continúan a bo ritmo de actuación as obras de ampliación da escola infantil da Laracha
Cando está a piques de cumprirse o primeiro mes desde o comezo das obras de ampliación da escola infantil da Laracha, os traballos estanse a realizar a un bo ritmo de actuación e cumpríndose cos prazos inicialmente previstos.
Os operarios da empresa contratista -Ogmios Proyecto, S.L.- concluíron a fase de construción dos cimentos e a soleira de formigón, isto é, a que será a base do edificio que se comezará a levantar nos próximos días. Precisamente o luns está previsto iniciar os traballos correspondentes á colocación dos piares metálicos da nova estrutura.
As actuacións estanse desenvolvendo sen interromper a actividade na instalación. Mesmo a dirección do centro e a empresa construtora acordaron, a instancias do Concello da Laracha e da Consellería de Traballo e Benestar, facer coincidir as horas de descanso dos operarios co tempo estipulado para a sesta dos nenos usuarios da escola infantil, polo que o traballo se interrompe a diario entre as 13.30 e as 15.30 horas.
Para unha maior comodidade e seguridade, foi habilitada unha entrada alternativa á escola a través da fachada dereita do actual edificio principal. Tamén se instalou un valado de protección no perímetro da área afectada polas obras, polo que os usuarios do centro poden utilizar a zona exterior e o parque infantil sendo alleos aos traballos que se están a acometer.
O Concello da Laracha e a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia financian o custo desta actuación, que ascende a uns 358.000 euros e que, ademais da construción do novo edificio, tamén inclúe outras melloras como a adecuación de todas as fachadas, a apertura de saídas directas ao exterior desde cada aula e as ampliacións do patio interior cuberto e do comedor.
O proxecto que se está executando suporá a construción dun novo edificio cunha superficie de 288 metros cadrados repartidos en tres aulas, unha sala de profesores e unha área de descanso. Por tanto, a escola pasará de ter cinco módulos a oito, creándose 41 novas prazas para un total de 115 usuarios. A previsión é que poida dispoñerse do novo inmoble en setembro, de cara ao inicio do próximo curso escolar.











