Continúa en Cangas o proceso de selección para a contratación de 5 auxiliares de Policía Local
Hoxe tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Cangas a proba de coñecementos dentro do proceso selectivo para a contratación de 5 auxiliares de Policía para reforzar a seguridade veciñal de cara a época estival. En total foron 34 candidatos os que realizaron esta segunda proba despois de superar as probas físicas realizadas o pasado martes no Estadio Municipal de Atletismo e que tiñas caracter eliminatorio.
A proba de coñecementos consistiu nun exame tipo test de 50 preguntas sobre o temario establecido nas bases da convocatoria no que se inclúen aspectos como ás ordenanzas, regulamentos e bandos municipais, a Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia ou a actividade da Policía Local como policía administrativa. A puntuación desta proba será dun máximo de 10 puntos sendo obrigatorio acadar unha puntuación mínima de 5 puntos.
O próximo luns ás 11.00 horas no Salón de Plenos a terceira proba na que os candidatos deberán amosar os seus coñecementos da toponimia e das características propias do concello respondendo a dez preguntas curtas nun tempo máximo de 15 minutos. A proba valorarase cun máximo de 3 puntos sendo obrigatoria acadar unha puntuación mínima de 1,5 puntos.
Por último, os candidatos que non estean en posesión do certificado Celga 3 ou da súa validación ou que teñan o Curso de Lingua Galega de Iniciación , deberán superar unha proba de nivel de coñecemento da lingua galega que terá lugar ás 12.00 horas no Salón de Plenos e que consistirá na traducción do galego ao castelán e do castelán ao galego dun texto proposto polo tribunal, poñendo fin ao proceso de selección.











