Conta contos para os máis cativos na Biblioteca Municipal de Monforte
A Biblioteca Municipal de Monforte e a Rede de Bibliotecas de Galicia organizan unha sesión de conta contos que se celebrará mañá xoves día 3 de abril, ás seis da tarde na sala infantil da Biblioteca monfortina.
Trátase de “Contos ao revés”, historias dirixidas a rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos, con bruxas boas e príncipes feos, que pretenden fomentar o respecto e a igualdade entre os máis pequenos.
A actividade desenvólvese dentro do programa “Ler conta moito”, promovido pola Consellería de Cultura, e correrá a cargo do grupo de animación “Xanela Ocio”, un colectivo integrado por profesionais da educación e do tempo libre que comezou a súa andaina no ano 2012.











