Conde visita as instalacións da empresa SGL Carbón que dá emprego a case 200 persoas

Francisco Conde na visita ás instalacións
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a presenza da multinacional SGL Carbón no polígono da Grela supón unha mostra máis de que a Comunidade conta cun entorno idóneo para investir e para acoller empresas competitivas a nivel internacional. Neste sentido, Conde puxo ao grupo alemán como exemplo “das posibilidades que ofrece Galicia ao exterior”.
Durante a visita ás instalacións da compañía, na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, o titular de Economía e Industria salientou o importante labor dunha empresa arraigada en Galicia desde fai máis de medio século e que fabrica electrodos de grafito para fornos, un produto moi específico para a industria do metal. “SGL Carbón é un gran grupo internacional ao servizo da innovación, que da emprego a máis de 150 persoas na nosa Comunidade”, incidiu.
Neste sentido, Conde valorou o investimento da multinacional en Galicia a través dunha planta que se configura como a máis produtiva das que ten o grupo en todo o mundo. Esta competitividade, explicou Conde, permítelle traballar internacionalmente exportando o 80% da súa produción.
O titular de Economía e Industria valorou a aposta por Galicia de SGL Carbón, manifestada no seu último proxecto para ampliar a planta de produción da Coruña, que ten por obxectivo incrementar a súa competitividade internacional. Este proxecto, apuntou Conde, supón un novo investimento en Galicia, impulsando a mellora dos procesos industriais da planta de cara a aumentar a calidade do produto final, a xestión ambiental e a seguridade.
Neste contexto, o conselleiro resaltou a importancia da atracción e dinamización de investimentos, tanto de empresas asentadas como daquelas que queiran establecerse na Comunidade. Así, sinalou Conde, Galicia configúrase como unha economía na que cada vez máis empresas estranxeiras están depositando a súa confianza, como amosa a propia SGL Carbón, Pemex ou Citic Censa.











