Conclúen as labores de acondicionamento de cinco pistas e camiños na zona rural de Neda
O Concello de Neda vén de concluír as obras de asfaltado en cinco camiños e viais da zona rural por un importe cercano aos 45.000 euros. En concreto, as intervencións desenvolvéronse ao longo de quilómetro e medio de camiños e viais repartidos entre as parroquias de Santa María e Anca. Nelas, os operarios aplicaron capas de rego asfáltico e procederon á limpeza das cunetas. A elección dos viais realizouse atendendo ao estado de deterioro dos mesmos e á posibilidade de realizar o seu acondicionamento con partidas propias ou recurrindo a axudas doutras administracións, como é este último caso. Os fondos que recibiu o Concello para a execución destes traballos proceden así do programa PEIMRural (Proxectos Estratéxicos de Infraestructuras no Medio Rural).
Por último, dende o Concello sinálase que as cinco actuacións desenvolvéronse en camiños e viais con núcleos de poboación cercanos, xa que precisamente as zonas de máis tránsito e que ofrecen un maior servizo aos veciños son aquelas que prioriza o Concello consciente de que os fondos son limitados.
En concreto, foron os seguintes: Camiño en Puntal de Arriba Sartego (cunha lonxitude de 80 metros onde se procedeu á limpeza das cunetas, abríronse outras onde non existían e aplicouse un dobre rego asfáltico); Camiño en San Isidro (250 metros lineais nesta zona con limpeza de cunetas e dobre rego asfáltico); Camiño en Cruz do Pouso (270 metros na zona do Pouso Vello, tamén con limpeza de cunetas e dobre rego asfáltico); Camiño en Galanos (400 metros con actuación idéntica á anterior) e Camiño na Lobeira (400 metros con limpeza de cunetas e triple rego asfáltico).











