Concello e Renbu-Kan promoven o II Trofeo de Karate Real Vila de Neda
A localidade acollerá o sábado 3 de maio a segunda edición do Trofeo de Karate Real Vila de Neda, promovido polo Concello e o Club Renbukan. O concelleiro de Deportes, Roberto Rey, informou de que a cita principiará ás 10,30 horas, no pavillón polideportivo de Neda, e a organización prevé a asistencia duns 170 deportistas de entre catro e 13 anos.
O acontecemento deportivo contará con participantes de clubes de Mugardos, Ares, Franza, Ferrol, Narón, Ortigueira e Fene. A competición está orientada en exclusiva ás categorías de base, dende benxamín ata xuvenil –de 4 a 13 anos– na modalidade de kata e de alevín, infantil e xuvenil na de kumite. Na modalidade de kata, celebraránse dúas rondas clasificatorias por puntuación numérica e unha ronda final cos oito equipos que máis puntuación consigan en cada categoría. Na de kumite, seguiráse o reglamento WKF.
O obxectivo é lograr que sexa un campionato no que os deportistas participen para gañar experiencia e poder probar sorte con compañeiros diferentes aos do entrenamento diario, restándolle importancia a gañar ou perder combates, senón participar para disfrutar.
Por último, o alcalde, Ignacio Cabezón, será o encargado de presidir a entrega de trofeos, sobre as 14,30 horas. A entrada é libre e gratuíta.











