Concello de Ordes e Xunta acordan a reversión do Centro Comarcal

Alfonso Rueda e o rexedor de Ordes na sinatura do convenio
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Ordes, Manuel Regos Boquete, asinaron esta mañá o convenio de reversión do Centro Comarcal de Ordes a favor do Concello, nun acto no que estivo presente a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
O Centro Comarcal de Ordes esta situado na N-550, de Ordes cara Santiago. Foi inaugurado no 2001, cunha superficie de máis de 700 metros cadrados útiles. A reversión deste centro comarcal enmárcase na racionalización de recursos e cooperación entre as Administracións, sendo o oitavo edificio que albergaba un centro comarcal, que era propiedade da Xunta e que pasa a propiedade municipal.
O Goberno galego puxo en marcha a Lei de racionalización da Administración Autonómica e o Plan de racionalización da administración paralela, que está na súa terceira fase de desenvolvemento, que xa leva suprimidos 65 entes. Precisamente, entre os entes extinguidos atópanse as fundacións comarcais, cuxa reformulación ten permitido eliminar duplicidades e gañar en eficiencia, sen menoscabar en ningún caso os servizos que reciben os cidadáns por parte das Administracións.











