Concello de Ferrol e o Banco de Alimentos colaboran na “Operación Quilo”
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, colabora activamente na “Operación Quilo”, que se desenvolverá nas xornadas de mañá venres e o sábado e que están organizadas polo Banco de Alimentos da Coruña a Fundación Solidaridad Carrefour. Un total de 20 persoas que forman parte da Oficina Municipal do Voluntariado participarán nesta iniciativa solidaria, repartindo bolsas e petos, e ordenando os alimentos que se recollan nas instalacións que Carrefour ten en Parque Ferrol.
“Na actual situación social hai persoas que necesitan da nosa solidariedade, e sumándonos a esta iniciativa queremos seguir contribuíndo a axudar ás persoas de Ferrol que peor o están a pasar”, sinalou a edil de Benestar. Esta recollida de alimentos organízase en toda España; e a Fundación Solidaridad Carrefour doará un quilo de alimentos por cada quilo recollido na operación.











