Comezan as tarefas para arranxar os danos causados polos temporais no parque fluvial da Coca
O Parque Fluvial da Coca verase afectado nas vindeiras semanas polas obras contratadas polo Concello para arranxar os danos causados polos reiterados temporais do pasado inverno no leito do río e nas instalacións desta zona verde. A empresa Rovisgoso executa os traballos que se inician mañá e para o que o Concello solicitará financiamento a través da liña de axudas estatais para paliar os estragos dos temporais.
A adxudicataria firmou esta mañá o contrato e xa se desprazou ao parque da Coca para proceder e levar a cabo os traballos de recoñecemento previo e replanteo do terreo, colocación de carteis de obra e emprazamento da caseta de obra. Mañá comezarán as obras propiamente ditas e que terán como actuacións principais a reposición dos muros de contención da canalización do río que foron arrastrados pola forza do caudal e a reposición da pontella que une a fonte coa zona dos muíños cuxas lousas tamén desprazou o torrente das augas.
Tamén se retirará a pasarela peonil de madeira que se substituirá por unha senda natural de xabre. Esta actuación persegue dous obxectivos. Por un lado evitar eliminar os problemas de accesibilidade que presentaba a pasarela ao impedir o paso de vehículos e maquinaria para a realización de obras e mantemento das árbores do parque, e por outro evitar a perigosidade que supoñía para os peóns circular por unha superficie de madeira que se volvía moi esvaradiza coa humidade e cando chovía.
O acceso dos peóns cortarase durante a realización destes traballos ata que quede rematada a nova senda de xabre, motivo polo cal o Concelleiro de Medio Ambiente, Jesús Longa, solicita desculpas aos usuarios.
Outras das melloras que se acometerán no parque da Coca dentro destas obras serán a reposición de bancos e do teito de metacrilato que cobre a zona dos xogos infantís.











