Comezan as obras do novo balneario de Partovia no Carballiño
Cun investimento que se achega aos 3.000.000 de euros, comezaron as obras de construción do novo balneario de Partovia, de propiedade privada, e que pretende estar aberto ao público o próximo verán de 2015, tal e como aseguraron os seus propietarios a familia Garriga do Carballiño.
O alcalde do Carballiño xunto cos edís de Turismo e Cultura, asistiron ao comezo das obras deste novo centro termal, acompañando á familia Garriga, e destacando que “esta aposta é un novo impulso ao termalismo carballiñés, xa que sabemos será un balneario referente en toda Galicia”.
O novo balneario ofrecerá os servizos máis novos do sector, con instalacións tamén exteriores, e a idea dos propietarios de manter parte da fachada do antigo balneario que, a pesar de non contar con valor arquitectónico, si lembra a historia do Carballiño.
Con este proxecto O Carballiño quere recuperar o seu esplendor no termalismo provincial, e por iso está a ser apoiado en todo o posible polo concello. Un deses apoios será estudar unha mellora dos viarios de acceso a este balneario, sen esquecer que xa foi aprobado en pleno, por unanimidade, unha bonificación máxima no imposto municipal establecido para este proxecto.











