Comeza en Pontevedra ‘Pontenbici’ coa exposición de Bicis clásicas e antigas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A exposición de Bicis clásicas e antigas é o pistoletazo de saída da ampla e variada programación de Pontenbici que presentaba esta semana o concelleiro delegado do servizo, Miguel Filgueira. A cidade xa está totalmente ambientada coa instalación de bicicletas en distintos edificios emblemáticos, parques e prazas, para recordar tanto a programación, como para convidar a todos os pontevedreses a empregar a bicicleta como medio de transporte saudábel e urbano.

Pontenbici comeza mañá, 25 de abril, coa inauguración a cargo do alcalde da exposición “Bicis clásicas e antigas”, no Pazo da Cultura. A cita é a partir das 20.00 horas e a exposición estará aberta até o 1 de xuño. Media hora despois, ás 20.30 horas, Juan Granados, presidente da Asociación Nacional de Bicicletas Antigas e Clásicas, dará unha conferencia sobre a historia do ciclismo en Pontevedra.

A programación continúa este domingo, 27 de abril, coa clásica Pedalada familiar que fará un percorrido polo centro urbano da cidade, partindo da praza de España ás 11 horas.

A programación de Pontenbici ten outras citas:

• Instienbici: Pedalada dos institutos da cidade, o xoves 8 de maio.

• Natureza sobre rodas: saídas familiares en bicicleta pola natureza. Serán os días 4 e 25 de maio, e 25 de xuño. Tamén está programada unha saída “profesional” o día 11 de maio.

• Bicifeira: Será o sábado 17 de maio e domingo, 18 de maio. Incluirá un mercadiño de bicis novas e usadas que se inaugurará o día 17 ás 11.30 horas co Premio da Mobilidade Ciclista; Obradoiros e charlas:

– Día 17 ás 17 horas: charla sobre turismo deportivo.

– Día 17 ás 19 horas: presentación da Familia Supertramp (Volta a Europa en Trike).

– Día 18 ás 11 horas: obradoiros sobre mecánica básica e ergometría da bici.

– Día 18 ás 12 horas: Charla sobre mobilidade alternativa.

Tamén haberá Cars a pedais; Richeu; e unha marcha nocturna que será o día 17 a partir das 22 horas.

• Marcha de clásicas: o domingo 8 de xuño haberá un paseo en bicis clásicas a Combarro, con saída da praza de España. Con bicis de antigüedade anterior a 1970, e que teñan o cambio no cadro.

• Obradoiros de Recicletas: na Casazul nos meses de maio e xuño e centrados en ergonomía, mantemento básico aberto a todos os veciños de Pontevedra.

24 de abril de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.