Comeza a xestarse o concurso internacional de pesca deportiva da XLVIII Festa da Troita de Ponte Caldelas
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, mantivo unha reunión técnica con delegados da Federación Galega de Pesca e a Sociedade de Caza e Pesca “Verdeseixo” para analizar os pormenores do Concurso Internacional de Pesca Fluvial con motivo da celebración da XLVIII Festa da Troita, que terá lugar o 31 de maio e 1 de xuño.
Os asistentes á reunión valoraron moi positivamente os resultados do certame do pasado ano e apostaron por continuar destinando o tramo comprendido entre a Presa de Parada e a área recreativa da praia fluvial ao concurso en categoría veteranos, xuvenil, damias e infantís en modalidade de pesca sen morte dentro do compromiso ambiental que desde sempre caracterizou á Festa da Troita.
Como é tradicional, o Concurso Internacional de Pesca desenvólvese nas categorías de sénior, veteranos, xuvenil, damas e infantil e terá lugar durante os días 31de maio e 1 de xuño en diferentes tramos do río Verdugo ao seu paso polo municipio de Ponte Caldelas. Os trofeos aos gañadores entregarase na Alameda nun acto oficial que terá lugar xunto ás casetas de degustación da Festa da Troita, o domingo 1 de xuño.
A organización do evento correrá a cargo da Delegación Provincial da Federación Galega de Pesca, en colaboración da Sociedade de Caza e Pesca “Verdeseixo” de Ponte Caldelas e a Sociedade de Caza e Pesca de Cotobade e co patrocinio do Concello de Ponte Caldelas.
Como na edición anterior, o Concurso Internacional sénior e veteranos desenvolverase en dúas mangas, —previo sorteo onde se lles asignará coto e horario—, durante o sábado 31 de maio, comezando a primeira ás 9 horas e finalizando ás 12 h., no caso dos sénior e de 9:30 h. a 12, no de veteranos. A segunda manga comezará ás 16 h. para os sénior e prolongarase ata as 19 horas, mentres que para os veteranos iniciarase media hora máis tarde, ás 16:30 horas, pero con final á mesma hora, é dicir, ás sete da tarde.Pola súa banda, o concurso en categoría xuvenil, damas e infantil desenvolverase o domingo 1 de xuño, das 8:30 horas ata as 11:30 horas da mañá.
En canto á modalidade de equipos, cada un deberá estar composto por catro pescadores da sociedade. Si non completan o número de participantes non poderán optar á categoría de “por equipos”, posto que se outorga en base á suma de puntos de cada un dos seus membros, aínda que si poderán optar a premios individuais.
Polo que respecta aos cebos a empregar, estes serán libres sempre que se atopen dentro dos expresamente autorizados pola Dirección Xeral de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
Para participar no concurso, en categoría sénior o participante deberá inscribirse na Delegación da Federación Galega de Pesca en Avda. de Pontevedra, nº 87 de Vilagarcía de Arousa, quedando pechada unha vez que se inscribiron 40 pescadores, cubrindo así o máximo de prazas previstas para este concurso. Os participantes deberán estar en posesión da licenza de pesca deportiva en vigor, expedida pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta, así como a licenza federativa do ano en curso, expedida polo menos con cinco días de antelación con respecto á data da súa inscrición no concurso.
En categoría infantil, para que un neno ou nena poidan participar é necesario que a persoa que exerza a patria potestade sobre o menor se faga cargo da responsabilidade total e última que a súa participación puidese derivar. Durante o transcurso do concurso, o menor deberá estar acompañado por unha persoa maior de idade que se fará cargo da súa custodia. Esta persoa será allea á organización e si non se cumpren estes requisitos, o menor non poderá tomar parte no concurso.
O concurso levará a cabo no coto de Ponte Caldelas, tramos 1 e 3, (exceptuando a zona de pesca sen morte, entre a Presa de Coveliño e a do Balneario) e no de Ponte Verdugo, tramo 2 con límite superior en Ponte Carrizáns e inferior na Presa dos Muíños de Castro Bo.
PEZAS VÁLIDAS E PUNTUACIÓN
Unha ducia de xuíces e voluntarios das sociedades de caza e pesca “Verdeseixo” de Ponte Caldelas e de Cotobade velarán polo correcto desenvolvemento do concurso tendo en conta que só serán válidas as pezas que se cobren que midan, polo menos, 19 centímetros de lonxitude. Os exemplares que aparezan degolados non serán contabilizados e os que non alcancen a talla mínima deberán ser devoltos de inmediato ao río. O pescador que presente exemplares de medida inferior a 19 centímetros será penalizado.
Os controis de pesada deberán ser pasados polos participantes nun prazo máximo de 30 minutos, unha vez finalizado o tempo estipulado para cada manga e terán que ser entregados polo pescador que actuou de control. A puntuación será de 250 puntos por cada peza válida e un punto máis por cada gramo de peso. O pescador que consiga completar a cota de 10 exemplares durante a xornada deberá abandonar a acción de pesca e presentar as capturas no posto de pesada. Outorgaráselles 1.000, 500 e 250 puntos ao pescador que consiga a cota o primeiro, segundo ou terceiro, respectivamente. O trofeo á peza maior outorgarase ao pescador que cobre a troita de maior tamaño na proba da categoría sénior.
A MODALIDADE DE PESCA SEN MORTE VOLVERÁ A APLICARSE A VETERANOS, XUVENÍS, DAMAS E INFANTÍS
Para as categorías de veteranos, xuvenís, damas e infantís o tramo de pesca será o coto sen morte, entre a Presa de Parada e a Presa da praia fluvial (área recreativa) polo que o concurso rexerase por esta modalidade. As troitas capturadas, unha vez medidas pola organización, serán devoltas ao río.
Os aparellos utilizados para esta modalidade serán culleriñas dun só anzol ao que se lle deberá inutilizar o arponcillo ao igual aos anzois, para evitar danos innecesarios ao exemplar capturado e garantir unha mellor recuperación á hora de solta, de novo, no río Verdugo.











