Colócanse preto de 100 metros de varandas en varios lugares de Teo para mellorar a seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A Concello de Teo colocou nas últimas semanas varandas en varios lugares como unha medida máis de seguridade viaria. Segundo indica Xurxo Francos, concelleiro de Servizos Básicos, “en moitos casos atendéronse as peticións veciñais recollidas nas reunións parroquias celebradas a primeiros de ano”. En total instaláronse case 100 metros lineais de varandas novas no entorno dalgún colexio, de pavillóns ou directamente en estradas nas que o paso dos peóns recomendaba a súa ubicación.

A maior parte das varandas foron ademais realizadas pola propia brigada de obras nas instalacións municipais sen necesidade de externalizar os traballos. Despois de facelas con ferro galvanizado e de pintalas estivéronse colocando entre outros lugares no pavillón da Ramallosa, en Socastro, na Rúa do Corgo (Cacheiras), no río Tinto, en Lampai nos lugares de Agrela e Mosteiro, no entorno do colexio dos Tilos, en Balcaide ou en Vilar de Francos. Xurxo Francos destaca que “a instalación de novas varandas supón unha mellora da seguridade viaria xa que hai zonas onde deste xeito se minimiza o risco que poden correr os peóns”.

Tamén se adecentaron outras varandas xa colocadas en lugares como a Ramallosa ou na Casalonga, na beira do río Tinto. Neste caso pintáronse de novo e arranxáronse se tiñan algún desperfecto.

Xurxo Francos tamén adianta que está previsto colocar unha nova no acceso ao pavillón dos Tilos, xa que hai un terraplén con bastante desnivel e darlle altura a un muro que hai no frontal do pavillón de Calo, tamén para evitar posibles caídas.

29 de abril de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.