Cogami impartirá unha charla de sensibilización sobre a discapacidade no colexio Parga Pondal de Oleiros
O xoves, 24 de abril, ás 9:00 horas, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) vai impartir tres charlas de sensibilización sobre a discapacidade ao alumnado de 5º e 6º curso de primaria do CEIP Isidro Parga Pondal de Oleiros.
Cunha duración de 90 minutos cada charla, sendo a primeira ás 9:00 horas, a segunda ás 10:30 horas e a última ás 14:00 horas, as profesionais de COGAMI, Ángela Labandeira, Sonia Míguez e Elena Antelo, tratarán de explicarlle ao alumnado en que consiste a discapacidade e os tipos que hai, e para iso usarán material audiovisual.
Para finalizar a charla, haberá un circuíto con obstáculos para que os rapaces e rapazas poidan percorrelo en cadeira de rodas manual e experimentar por si mesmos as dificultades que atopa unha persoa usuaria de cadeira de rodas por mor das barreiras arquitectónicas que existen.
A través deste tipo de charlas, o que se pretende dende COGAMI é tratar de concienciar sobre a diversidade que existe na sociedade, de que todas as persoas somos diferentes e de que todas temos capacidades.











