COGAMI comeza un curso de condutor en Lugo no que se formarán 12 persoas con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O luns, 14 de abril, ás 16:30 horas, nas aulas da Autoescola Europa (Doctor Fleming, nº8, baixo) inicia un curso de Condutor D+CAP que organiza a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e na que se van formar 12 persoas con discapacidade, 11 homes e 1 muller, procedentes dos concellos de Lugo, Sarria, Monforte e Guitiriz.

O curso, que ten unha duración de 130 horas teóricas e 10 de prácticas en autobús, está financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).

De luns a venres, en horario de 16:30 a 22:30 horas, o alumnado terá que acudir a clases sobre condución racional no transporte de viaxeiros, regulamentación do transporte de viaxeiros e organización do mercado e seguridade do servizo de transporte de viaxeiros.

Todas as persoas que forman parte deste curso son usuarias do Servizo de Inrermediación Laboral de COGAMI. Proceden doutras profesións e decidiron apuntarse ao curso porque o ven como unha oportunidade de novas posibilidades laborais.

11 de abril de 2014 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.