publicidade hoxe

Cine, teatro, espectáculo e danza na oferta cultural en Lalín para o mes de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

Así o avanza a responsable municipal de Cultura, María Álvarez, que indica ao longo do vindeiro mes se proxectará o filme Tilda & Jean coa lalinense Andrea Faílde estreándose no seu papel de actriz, se representará o monólogo “A tixola polo mango (Muller, non é para tanto) con Luma Gómez e Teatro do Noroeste, se poñerá en escena “Yak 42 No te re-conozco” dos ilicitanos Somnis Teatre e a Escola Municipal de Ballet de Lalín “Scene Ballet” pechará coa súa actuación o “Feito en Lalín 2014”

Cine, teatro, espectáculo e danza conforman a oferta cultural do Concello de Lalín para o  mes de abril. Así, segundo avanza a responsable municipal de Cultura, María Álvarez, a programación abrirase o venres, 4 de abril, no Museo Municipal, coa proxección do filme “Tilda & Jean”, de Darío Autrán (2012), ás 20.30 horas, unha actuación enmarcada dentro do “Feito en Lalín 2014” con entrada de balde ata completar aforo e nas que os adultos e rapaces deberán ir acompañados de pais e titores.

Trátase dun drama romántico de 70 minutos de duración, que conta co seguinte reparto: Alba Messa, Darío Autrán, Carlos Blanco, Iria Pinheiro, Mónica de Nut, Ariadna Santana, Uxía Morán, Chelo Teruel, José Montoto, Sapoconcho, Carlos Botana, Isabel Montijano, Andrea Faílde (lalinense), Jorge García e Laura Arciniegas.

Nesta película estréase como actriz, á idade de 12 anos, a rapaza lalinense, Andrea Faílde (na actualidade conta con 13 anos). O filme conta a historia de Jean, un escritor mozo que camela ás mulleres para deitarse con elas. Pero un día atopa unha muller nova e especial na súa vida chamada Tilda. A través do que escribe e do que soña nese proceso creativo, imos coñecendo pouco a pouco a unha personalidade cada vez máis escura e sinistra, ata chegar ao punto de non saber ben o que é real e o que é mentira.

Darío Autrán chega aos cines con “Tilda & Jean”, a súa primeira longametraxe escrita, dirixida e producida integramente por el e que forma parte do seu proxecto cinematográfico “Triloxía dos fíos”. Un filme onde os protagonistas, Tilda e Jean, serán o eixo central dunha escura e inquietante historia de amor que atraerá a todos aqueles que o rodean.

O filme estivo presente no Cine de Autor Internacional de Lugo, Cine Novísimo, Cinelow i Directors Emergents e Festival Márgenes.

O 11 de abril, venres, ás 21.30 horas, no Salón Teatro, Teatro do Noroeste presenta a Luma Gómez en “A tixola polo mango (Muller, non é para tanto)”. É un monólogo gastronómico de consecuencias imprevisibles, dirixido por Eduardo Alonso e de autoría e adaptación de Lola Correa. Esta actuación enmárcase dentro do convenio entre Concello de Lalín e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.

É unha obra na que se sente rabia feminina sen case que apreciala, sutilmente. A actriz mantén co público unha distancia prudente, pero íntima. Ela faise querer, é un ser aparentemente nobre, unha desas mulleres con ideas doutra época e das que todos temos algunha referencia persoal, ela podería ser aquela tía lonxana, a nosa curmá a solteirona, a nosa avoa ou mesmo a nosa nai.

O seu discurso encerra algo doutro tempo e, tamén, algo de verdadeira revolución feminina. Propóñense cuestións como que: se elas tivesen o que nós, que pasaría?; se elas puidesen ligar por internet, saír ata as tantas, estar ata as tantas, estariamos nós, os seus fillos, aquí…?. Elas asimilaron a familia como concepto, o home como estandarte e a casa como bandeira. Pero, ás veces, hai que dicir, ata aquí.

A entrada é de 5 euros, e de 3 euros para estudantes.

O venres 25 de abril ás 21.30 horas no Salón Teatro, Somnis Teatre de Elche presenta “Yak 42 No te re-conozco”, con Cristina Aniorte e Rubén Pleguezuelos como artistas de reparto.

Trátase dunha produción de Somnis Teatre coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Lalín (para esta función) e coa colaboración oficial da compañía para o proxecto: Asociación de Familiares de Víctimas del Yak 42.

É un espectáculo para adultos que xira ao redor do accidente no que, en 2003, perderon a vida 62 militares españois. No espectáculo, non reproducen os feitos sen máis, senón que propoñen unha interpretación propia adentrándose nas situacións, ideas e emocións que envolven todas as frontes abertas no caso.

Non se trata da historia de alguén concreto, senón que é a historia dos 62 e das súas familias ás que se lle rende unha sentida homenaxe. Todo da man de dous actores que dan vida a sete personaxes. Familiares, responsables e vítimas que comparten escenario, en escenas moi intensas con moita carga emocional en que a poesía e a dureza comparten protagonismo.

O prezo da entrada é de 10 euros con venda anticipada no Barriga Verde Café e na Cantina o Galopín.

A Escola Municipal de Ballet de Lalín “Scene Ballet”, baixo a dirección e a coreografía de Graciela Míguez Sandoval, ofrecerá o venres 26 de abril, ás 19.00 horas no Salón Teatro, unha obra representación de danza que pechará o programa “Feito en Lalín”, actividades a carón da Feira do Cocido, desde que se iniciou a comezos do mes de xaneiro.

A Escola púxose en marcha no ano 2003 coa creación da Escola Municipal de Danza Clásica coa finalidade de dar á xuventude un espazo onde desenvolver a súa vena creativa e solidaria. Ofrécese aos alumnos a oportunidade de estudar esta disciplina a nivel amateur (metodoloxía francesa), promover a educación e cultura do ballet como factor de desenvolvemento social e priorizar a realización de proxectos educativos e artísticos a diferentes niveis e desde diferentes plataformas municipais.

Desde o seu inicio, no que comezou a andar con seis alumnas matriculadas, hoxe a escola “Scene Ballet” conta con máis de 130 alumnos/as, 65 deles matriculados na Escola de Lalín baixo a dirección de Graciela Míguez, titulada en Danza Clásica e Española polo Conservatorio de Música e Danza “Beethoven” (Buenos Aires).

Na actualidade cóntase cos seguintes niveis de formación: pre-ballet (3-6 anos), preparatorio I e II (6-11 anos), intermedio (12 anos) e ballet para adultos. A entrada é de balde ata completar aforo.

1 de abril de 2014 | 10:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.