Cinco empreas presentan ofertas para o servizo de control de pragas urbanas en Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A mesa de Contratación do Concello procedeu este mediodía a apertura das cinco ofertas económicas que concorren ao concurso público para a adxudicación do servizo de Control de Pragas Urbanas no municipio. Outras cinco ofertas foron descartadas con anterioridade ao incumprir diferentes dos requisitos especificados na convocatoria. Os servizos técnicos deberán informar e avaliar cada unha das cinco propostas económicas como paso previo á adxudicación do servizo.

O Concello decidiu sacar a concurso a contratación do Servizo de Control de pragas Urbanas o pasado mes de xaneiro cun prezo de licitación de 69.899,64 euros por un período de dous anos. Entre os traballos a realizar pola adxudicataria están os de desratización, desinsectación e control de pombas comúns, así como a realización anual dunha campaña informativa ou de sensibilización da cidadanía.

O prego de bases que rexe a convocatoria inclúe problemáticas de actualidade nos últimos anos como é o do control da poboación de pomba común. A contratación deste servizo busca manter baixo control en todo o termo municipal os vectores de contaminación xerados por múridos, microorganismos, insectos, pombas e outros animais que poidan constituír unha molestia ou praga mediante a control axustado das poboacións e, no seu caso, coa eliminación total ou parcial daqueles organismos e/ou microorganismos con influenza sobre a saúde pública.

Segundo consta no prego, as labores de desratización realizaranse en terreos locais, edificios, dependencias e instalacións municipais, así como nas redes de sumidoiros e desaugadoiro de colectores de saneamento, en sorbedoiros, arquetas, pozos e emisarios que vertan a regatos, nos rexistros de alumeado e semáforos, marxes das estradas, vías públicas, parques, xardíns, concas de ríos e en todos os lugares que decida o Concello que poidan derivarse de casos de incumprimentos de requirimentos municipais dirixidos a particulares ou empresas, ás que posteriormente se lles esixirá o abono dos gastos correspondentes.

Tratamentos anti legionella

O Concello tamén fixa no prego os lugares e puntos que a empresa adxudicataria deberá tratar a efectos de desinfección e desintesectación e que van dende instalacións e edificios municipais ata os vehículos policiais. No apartado de desinfección prevense actuacións de prevención e loita contra a legionella nos lugares nos que sexa oportuno.

Vinte actuacións de desinsectación ao ano para imprevistos

A maiores, prevense 20 actuacións máis de desinsectación ao ano nos lugares a determinar polo Concello, medida que ten como obxectivo dar cobertura a casos imprevistos como presenza de pulgas en parques u outras.

No caso do control de densidade de poboación de de pomba común, o ámbito de actuación da empresa adxudicataria a posta en marcha das medidas oportunas son os cascos urbanos de Vilagarcía, Vilaxoán e Carril.

Outra das obrigas que terá a adxudicataria será a realización dunha campaña anual de sensibilización cidadá sobre os axentes ou pragas máis importantes a combater, ou de medidas de seguridade sanitaria colectiva, segundo indicacións do Concello e das cales sexa necesaria a colaboración da poboación.

8 de abril de 2014 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.