Cinco concellos da área de Vigo participan no programa ‘Cultura no Camiño’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaMosNigránPontevedraRedondelaSoutomaior
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e xunto á Axencia de Turismo de Galicia, poñen en marcha a segunda edición do circuíto Cultura no Camiño, ciclo que se encadra na conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, e que levará un total de 323 actuacións escénicas e musicais a 81 concellos polos que transcorren algunha das rutas xacobeas do Camiño de Santiago.

No que respecta aos concellos que pertencen á área territorial de Vigo, son 5 as localidades que participarán nesta iniciativa cultural. Baiona, Nigrán, Mos, Redondela e Soutomaior, municipios por onde discorre o Camiño Portugués ou o Camiño Portugués pola costa formarán parte deste programa cultural ofrecendo un total de 23 actuacións de música, teatro infantil, maxia ou novo circo durante os meses de abril, xuño, xullo e agosto.

Cultura no Camiño retoma e reforza deste xeito unha actividade —tivo a súa primeira entrega en outubro de 2013— que encherá de espectáculos culturais para todos os públicos as localidades participantes, todas elas radicadas nas distintas rutas xacobeas e que conseguirán achegar ao público das distintas vilas e cidades parte do inmenso talento artístico co que conta Galicia. Ademais, todos os espectáculos teñen que ser producidos e distribuídos por asociacións culturais, sociedades civís, mercantís ou empresarios individuais con sede na Comunidade autónoma de Galicia.

Este ciclo realízase de forma conxunta e en colaboración coa actividade cultural dos concellos participantes, sendo así un exemplo de traballo colectivo e de colaboración institucional co obxectivo de ofrecer a mellor programación posible, involucrando a administracións pero tamén a creadores, compañías e programadores, nun circuíto pensado, deseñado e realizado por e para o público.

Actuacións no Val Miñor
Nos concellos de Baiona e Nigrán ofreceranse un total de 8 actuacións –3 na Vila Real e 5 no municipio nigranés- de teatro infantil, música e maxia. A primeira delas terá lugar en Nigrán o vindeiro 27 de abril ás 18,30 horas. A compañía EducaTeatro Producións ofrecerá unha mostra de teatro infantil baixo o nome Os tres porquiños.

4 de abril de 2014 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.