Chelo Facal inaugurará unha mostra de pintura e escultura no Colexio Médico da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

A artista Chelo Facal (A Coruña, 1953) inaugurará este venres unha exposición de pintura e escultura na que mostrará unha selección da súa obra máis recente na sede do Colexio Médico da Coruña.

A inauguración terá lugar este venres ás 20.00 horas e a mostra permanecerá aberta ata o día 2 de maio. Poderá visitarse de luns a venres, en horario de 12,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 20,00 horas.

A exposición está conformada, segundo informa a entidade colexial, por unhas 60 pezas, entre cadros e esculturas, elaboradas estas últimas en material cerámico. As pinturas -óleos e acrílicos, fundamentalmente-, segundo engade, “son de corte figurativo e fusionan os aspectos máis impulsivos dos seus inicios co maior grao de reflexión e precisión técnica alcanzados nas súas etapas posteriores”.

Chelo Facal formouse na Escola de Arte Pablo Picasso da Coruña, e iniciou a súa actividade artística en 1988. Este primeiro período é o “máis prolífico, tolo e divertido”, segundo palabras da propia artista. A partir de 1992 o seu traballo pasa a ser máis estático e técnico, e xa dende 1996 empeza a xuntar ambas as dúas vertentes, o que desemboca na súa obra actual, “máis solta, limpa, áxil e colorida”, sinala.

A súa traxectoria valeulle recoñecementos como o Premio Internacional de Cerámica do Museo Pazo Módena (Italia, 2003), o terceiro premio de pintura Hospital Abente e Lago (A Coruña, 2001) ou o primeiro premio Certamen de Buño, Colectivo Pablo Picasso (A Coruña, 2004).

10 de abril de 2014 | 11:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.