Chaves-Verín convértese en destino de intercambio de estudantes franceses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+
Estudantes de intercambio

Estudantes de intercambio

Desde o 7 ao 10 de abril, vinte e tres alumnos/as do colexio Felix Aunac  (Agen-Francia), acompañados de profesores, vintecinco estudantes de RRPP Mercedarios de Verín e educadores do mesmo centro visitan a Eurocidade Chaves-Verín, dentro dun intercambio educativo con este colexio francés.

Durante esta primeira xornada, alumnos e profesores dos dous centros educativos foron recibidos polo tenente de alcalde de Verín, Enrique Díaz, que lles deu a benvida e explicoulles as particularidades do territorio da Eurocidade, que terán a oportunidade coñecer ademais de practicar o idioma. O obxectivo principal desta experiencia educativa é que os alumnos poñan en práctica os coñecementos de lingua española adquiridos na aula, é dicir, un intercambio lingüístico-cultural, que pretende afondar na cultura autóctona e as particularidades dun territorio de fronteira así como perfeccionar o idioma.

Os/As alumnos/as participarán dalgunhas clases xunto co alumnado do colexio RRPP Mercedarios e visitarán os principais recursos turistícos do destino Chaves-Verín, cuxa organización e coordinación correu a cargo dos técnicos dos dous municipios. Na mañá de hoxe, e da man de Eduardo Castro, realizaron unha ruta urbana polo centro histórico de Verín, que continuará coa visita a adega Crego e Monaguillo. Xa mañá serán recibidos polo Gabinete de apoio técnico na sede da Eurocidade Chaves-Verín, AECT (antiga aduana de Feces de Abaixo), onde terá lugar un relatorio sobre o traballo que se leva realizado no proxecto Eurocidade co obxecto de consolidar este territorio como un destino turístico de fronteira, centrado na saúde e benestar e identificado pola marca “Chaves-Verín, a Eurocidade da Auga”. A continuación efectuarán un circuíto por Chaves e Vidago, cun recorrido guiado polo contorno do Vidago Palace. E xa para finalizar, o xoves, visitarán a planta de Cabreiroá.

7 de abril de 2014 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.