Charla sobre “a importancia da elección da forma xurídica axeitada para a nosa empresa” en Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A Aula do Emprendedor impulsada pola Concellería de Emprego, Turismo, Comercio e Industria realizou este martes na Casa de Oficios ‘Lorenzo Corbacho’ unha nova acción formativa gratuíta dirixida a emprendedores consistente nunha charla sobre “A importancia da elección da forma xurídica axeitada para a nosa empresa”.

Para o desenvolvemento deste actividade contouse coa colaboración de Elena Moldes, da empresa local Gestoría Moldes, que durante a charla dunha hora de duración, trasladou a todos os asistentes os aspectos principais que hai que ter en conta no momento de escoller a forma xurídica da empresa a través da cal emprender un novo proxecto empresarial. Entre os elementos a ter en conta sinalou o tipo de actividade, o número de promotores, a responsabilidade que están dispostos a asumir, o capital social mínimo esixible, desembolso inicial necesario e os aspectos fiscais entre outros. Ademais, tamén abordouse as vantaxes e inconvenientes  para o promotor no referente a elección das diferentes formas xurídicas: empresario autónomo, comunidade de bens, sociedade limitada, sociedade anónima e cooperativa.

Perfil dos participantes

As persoas que participaron nesta iniciativa foron nun 70% mulleres con idades comprendidas entre os 30 e os 40 anos en situación de desemprego e con ideas de negocio concretas.

A concelleira de Emprego Berta Pérez destaca o éxito de participación nas distintas actividades que se están a desenvolver dentro da Aula do Emprendedor así como reitera o compromiso do goberno local “na posta en marcha de iniciativas e actividades encamiñadas a informar e formar a novos emprendedores co obxectivo de que as súas ideas de negocio cheguen a ser proxectos empresariais de éxito”.

A Concellería de Emprego, Turismo, Comercio e Industria ten previsto desenvolver a próxima actividade da Aula do Emprendedor o próximo 14 de maio coa celebración dun seminario en colaboración coa empresa local Imagec sobre ‘A imaxe comercial como factor clave na apertura ou relanzamento dun negocio’. As persoas interesadas  en participar neste tipo de actividades poden informarse na Axencia de Desenvolvemento Local, chamando ao teléfono 986.301.371  ou enviando un e-mail a dlocal@cangas.org.

29 de abril de 2014 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.