Chamosa- Paredes quedan terceiras xuvenís femininas no Campionato de España da clase Vaurien
A localidade pontevedresa de Poio acolleu do día 16 ao 20 de abril o 51º Campionato de España de vaurien organizado polo Ro Yachts Club- Combarro. O evento contou con 34 tripulacións participantes entre as que se atopaba os actuais campións do Mundo da clase, o italiano Francesco Zampacavallo e o español Carlos Francés. O Real Club Náutico Rodeira desprazou a esta cita deportiva a dúas novas tripulacións compostas por Silvia Chamosa- Rosalía Paredes e Cristina González- Cibrán López.
Ao excelente nivel da flota hai que sumar as condicións variables coas que se disputaron as 9 probas realizadas con cambios tanto na intensidade como na dirección do vento que marco a táctica e o trimado das distintas embarcacións participantes.
Chamosa e Paredes comezaron a regata mostrando unha enorme regularidade finalizando 21- 21 e 22, algo que non ocorreu o segundo día no que as canguesas picaron realizando a súa peor parcial cun 28 repondo nas últimas probas do campionato cun 21- 22 e un 24 finalizando 25 na xeral e logrando un oco no podium coa terceira praza en categoría xuvenil- feminina na súa primeira participación nun nacional da clase.
Pola súa banda González e López a pesar de facer boas parciais estiveron moi castigados pola súa irregularidade o que lles deixou no posto 27 da clasificación xeral.
O técnico do equipo de regatas de R.C.N. Rodeira Andrés Jiménez mostrouse satisfeito co rendemento dos seus deportistas, “notei moita evolución desde o primeiro día ao último de competición e foi unha oportunidade única para seguir aprendendo e mellorando” concluíu.











