Cen escolares de Ourense participan no programa de actividades ourensás nas vacacións de Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Cen nenos e nenas ourensáns participan no programa de actividades formativas e de lecer que organiza a Concellería de Educación durante as vacacións escolares de Semana Santa. O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e a concelleira de Educación, Ana Garrido, visitaron esta mañá a Aula de Natureza do río Miño, onde catorce nenos e nenas participan nas propostas de carácter medioambiental que se desenvolven neste espazo.

A oferta de actividades para escolares durante a Semana Santa compleméntase coas de animación á lectura, que teñen lugar estes días nas bibliotecas municipais e no punto de animación á lectura do Couto, e no Museo Municipal, que acolle obradoiros que achegan a nenos e nenas á expresión artística.

Con elas, o Concello pretende proporcionar alternativas atractivas para nenos e nenas durante o seu tempo de lecer ao tempo que fomentar a conciliación laboral das familias ourensáns durante estas datas de vacacións escolares.

A Aula de Natureza do río Miño acolle os días 14, 15, 16 e 21  de abril, en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, divertidas actividades baseadas na natureza e o medio ambiente, co obxectivo de que os cativos coñezan e desfruten do seu contorno natural e tomen coñecemento da  importancia de implicarse na súa conservación.  Para nenos de 6 a 13, as actividades van dende a flora e fauna propia da provincia ata actividades de reciclaxe, da orientación, do cambio climático, da xardinería… e moitas máis.

Obradoiros artísticos e animación á lectura

O Museo Municipal acolle un novo obradoiro que pretende achegar aos nenos á comprensión da arte, da cor e das diferentes formas de expresión artística, fomentar a interactuación dos cativos coas salas, estimulando a convivencia e o respecto mutuo no desenvolvemento das actividades. Para escolares de 2º a 5º de Primaria, desenvólvese os días 14, 15, 16 e 21  de abril, de 10.30 a 13.30 horas.

As bibliotecas municipais (A Ponte, A Carballeira, San Francisco e o punto de animación á lectura do Couto) acollen tamén actividades de Semana Santa, neste caso para nenos e nenas de 4 a 10 anos, de 11:00 a 13:00 horas, os días 12, 14, 15, 16 e 21 de abril.

O obxectivo principal da proposta é que os nenos desfruten da lectura como algo pracenteiro, que contribúa a dar renda solta á súa fantasía, creatividade e imaxinación. Desenvólvense actividades de psicomotricidade, con xogos que permiten unha boa interrelación e traballo en equipo, obradoiros de teatro, nos que os nenos poden poñerse na pel de diferentes personaxes e vivir en primeira persoa as súas aventuras, lectura de contos e realización de manualidades.

Os escolares aprenden así a descubrir a lectura como fonte de información, creatividade ou saber, evolucionar cara unha lectura creativa e desenvolver unha conciencia crítica e selectiva.

16 de abril de 2014 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.