Cedeira proxecta a adquisición dun vehículo de limpeza específico para as deposicións caninas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O alcalde de Cedeira, Luis Rubido, anunciou esta mañá a intención do Concello de redoblar os esforzos en materia de limpeza viaria e, especialmente, atacar un problema como son as deposicións caninas no espazo urbano. Tras a posta en marcha o ano pasado dunha campaña de información sobre as obrigas e dereitos dos propietarios de cans recollidos na correspondente ordenanza municipal, o rexidor avanza agora a posta en marcha de diferentes iniciativas neste senso. Por unha banda, o Concello presentará á liña de axudas do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia un proxecto para a adquisición dun vehículo de aspiración con capacidade para recoller máis de cincocentas deposicións caninas diarias. Vehículo que, sen dúbida, facilitaría o traballo dos operarios municipais nestas tarefas e contribuiría a mellorar o servizo.

Así mesmo, outro dos proxectos que planteará a esta convocatoria permitiría non só avanzar neste obxectivo senón que, ademáis, favorecería a creación de emprego. Trátase da creación temporal de dúas prazas de auxiliares de vixiancia medioambiental por espazo de dous meses que, entre outras tarefas, encargaríanse de velar polo cumprimento da ordenanza neste senso.

Precisamente, o Concello quere intensificar esta labor e lembra que a ordenanza reguladora da tenencia de animais domésticos establece a obriga de que nos paseos coas súas mascostas todos os donos de cans leven consigo bolsas para a recollida de excrementos, así como o seu inmediato depósito nos contenedores. Segundo explica o Concello, nos últimos tempos estase a constatar unha evolución negativa neste senso, que propicia a presenza de deposicións caninas en diferentes puntos do municipio, especialmente zonas verdes, paseos e áreas próximas ás zonas de xogo infantil.

Unha tendencia que o Concello quere remediar de cara a manter en perfectas condicións os espazos públicos e propiciar actitudes cívicas entre a cidadanía. Así mesmo, confían na vontade cívica da veciñanza para evitar recurrir á vía sancionadora. Neste senso, a ordenanza fixa multas que poden chegar aos 750 euros, así como accións alternativas como a sustitución da sanción económica pola realización de traballos en beneficio da comunidade.

24 de abril de 2014 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.