Cedeira acollerá en maio o Campionato de España de Bádminton de Veteráns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraDeportes
A-
A+

Cedeira acollerá entre o 2 e o 4 de maio o XXXIII Campionato de España de Bádminton na categoría de veteráns. Organizado pola Federación estatal, conta coa colaboración da súa homóloga galega, así como da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial da Coruña, do Concello de Cedeira e do Club Bádminton Cedeira. Así mesmo, dende a organización destácase o apoio de firmas comerciais e da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil. A competición desenvolveráse no pavillón polideportivo municipal e a hora de comezo fixaráse en función dos xogadores inscritos, aínda pendente de pechar.

O primeiro día do Campionato, sábado 2 de maio, comezará coa recepción de cada un dos clubes que participen. Será nas instalacións do IES Punta Candieira, a tan só uns metros do pavillón. Punto no que se lles fará entrega dun detalle. E, a partir dese momento, iniciaráse o Campionato, con entrada libre para o público chegado dende toda a xeografía estatal. O domingo, e tras a conclusión de todos os partidos das diferentes finais, procederáse á entrega de premios, que co-presidirán o presidente da Federación Española de Bádminton, David Cabello; o seu homólogo galego, Rodrigo Sanjurjo; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo, e o alcalde de Cedeira, Luis Rubido.

O pavillón polideportivo municipal conta con nove canchas para a celebración deste evento, así como panel electrónico, onde se irá informando do número de partidos en competición e dos seguintes a celebrar.

Segundo sinala o alcalde, Luis Rubido, o Campionato non só supón un orgullo para Cedeira pola relevancia da competición senón tamén unha oportunidade única dende o punto de vista turístico, xa que proxectará a imaxe da vila en toda España e recibirá a visita de centos de persoas – deportistas e afeccionados- durante a primeira semana de maio. Neste senso, o alcalde quixo agradecer a labor do Club Bádminton Cedeira e recoñecer o papel do adestrador das escolas de base, Antonio Sedes. Un club que traballa coa maior das ilusións por fomentar o interese pola raqueta entre os máis novos, apoia aos mozos na súa paixón por alcanzar cotas de éxito na pista e acompaña aos veteráns no seu empeño por dar exemplo ás xeneracións futuras. Un traballo que se ten traducido no feito de que o bádminton é xa, na vila, un sinal de identidade.

10 de abril de 2014 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.