Catro persoas presentan ofertas para a explotación do quiosco bar da praia Compostela
O prazo de presentación de ofertas para optar á explotación do quiosco bar da praia Compostela rematou onte, 1 de abril, co resultado de catro hostaleiros interesados en xestionar o servizo durante a temporada de primavera verano de 2014. Despois de avaliar as propostas técnicas e económicas dos concursantes, o Concello adxudicará a concesión a mediados deste mesmo mes de abril.
Co obxectivo de facer máis atractiva a concesión para os potenciais hostaleiros que a desexen explotar, o Concello variou este ano as bases da convocatoria ampliando o prazo de concesión a efectos de que xa poida comezar a traballar aproveitando a temporada de Semana Santa e ata o 31 de setembro. Dada a experiencia do pasado ano, primeira vez que se explotaron as instalacións municipais do pavillón de servizos da praia despois da súa construción, o Concello tamén modificou o prego de bases para corrixir os problemas rexistrados o verán pasado debido ao mantemento dos aseos públicos do pavillón. Á obriga do concesionario de manter abertos e encargarse da limpeza dos aseos, que xa se contemplaba o ano pasado, o Concello engadiu no prego actual unha serie de penalizacións ao adxudicatario se non cumpre a obriga de manter abertos e operativos os aseos no horario establecido ou por non mantelos limpos.
O prezo mínimo de licitación é de 300 euros ao mes, canon que poderá incrementarse a proposta dos interesados como mellora á hora de avaliar as respectivas ofertas.











