publicidade hoxe

Carral vivirá un acto en conmemoración dos Mártires da Liberdade no cabodano do fusilamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

Este sábado, 26 de abril, é o cabodano do fusilamento en Carral de Miguel Solís e os seus oficiais, que en 1846 se ergueron contra o goberno de Isabel II, proclamando unha Xunta de Goberno de Galicia. Como cada ano o Concello de Carral organiza unha homenaxe ante o monumento que lembra aos doce militares. Nesta ocasión, en colaboración coa Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro, está previsto facer unha ofrenda floral e a posterior intervención do historiador Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, director da Revista Galega de Historia “Murguía”. No acto participarán os membros da corporación local, encabezada polo alcalde José Luis Fernández Mouriño e membros da devandita entidade cultural. Este acto comezará ás 13:00 h, partindo desde a Casa do Concello.

A continuación, Abril de Lume e Ferro organiza un xantar para facer entrega do Premio Mártires de Carral a Mario Gallego Rey, historiador, escritor e director da obra que sobre os Mártires de Carral representa cada ano a asociación. O xantar terá lugar ás 14:00 h no restaurante Casa Ferreiro de Beira, e poden asistir as persoas interesadas aboando previamente 15 € na conta bancaria da entidade. Para máis información para sumarse ao xantar e entrega do premio, está dispoñible o teléfono 619 050 918.

23 de abril de 2014 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.