Carral celebra o seu Certame Municipal de Ximnasia Rítmica
O domingo 4 de maio terá lugar no pavillón municipal do Espiño unha nova edición do Certame Municipal de Ximnasia Rítmica. Está previsto que o acto de comezo sobre as 11.00 e finalice ao redor das 12.30 h.
Nesta edición participarán mozas da Escola Municipal de Abogondo, do Colexio Mª Barbeito, do Brexo Lema, de Oza dos Ríos e da Escola Municipal de Carral. As idades das deportistas oscilarán entre os 3 anos das máis precoces e os 17 das máis “veteranas”. En total espérase contar cun número aproximado de 150 ximnastas, que desenvolverán un total de 32 actuacións, tanto colectivas como individuais. Ao longo da hora e media que durará a exhibición, as deportistas demostrarán o seu dominio nas diferentes disciplinas deste deporte; mans libres, corda, pelota, cinta, aro e mazas. Unha vez terminada a actuación faráselles entrega a todas as deportistas dun diploma conmemorativo do certame.











