Carlos Callón non opta á reelección como presidente da Mesa pola Normalización Lingüística
O actual presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, non optará á reelección á fronte desta asociación na asemblea nacional que celebrará o próximo 26 de abril no Centro Sociocultural Ágora da Coruña e da que sairá a nova Comisión Permanente.
Así anunciouno nunha carta de despedida publicada na súa blog, na que explica que tomou a decisión de non encabezar ningunha candidatura tras “un longo período de reflexión”, poñendo “punto e final” a un período no que tivo “a responsabilidade e a honra de presidir esta entidade”.
Callón incidiu na necesidade de “promover as renovacións” na Mesa a través de persoas que saiban “afondar máis nos acertos” e “corrixir erros e superar algunhas limitacións”, mostrándose “satisfeito” de que membros da actual dirección presentan unha candidatura continuadora co seu labor e coa “incorporación de novas mans”.
O outro motivo que motivou a súa decisión é o de “asumir novos retos”, dado que leva no cargo dende os “23 ata os 35 anos”. “Agora o meu desexo é regresar a tempo completo á miña vocación docente”, sinalou, ademais de “desenvolver varios proxectos” que ten e “continuar co activismo lingüístico”.
Neste último punto, recordou que “tódolos adiantos” para a lingua galega se produciron “como resultado da presión social” e trasladou o seu “compromiso inquebrantable e insubornable na defensa da lingua”. Así mesmo, trasladou a súa “gratitude particular” a Iria Taibo Montenegro, polo seu asesoramento e apoio e “facer posible” a continuidade da Mesa na “máis forte etapa de ataques”.
“Despídome de vós dando un abrazo dos enormes e animándonos, a todas e todos, a que continuemos e mesmo revitalicemos o noso activismo diario, como hormiguitas, en defensa da lingua e da cultura desta vella nación que non se resigna a desaparecer. Tiña razón Manuel María ao advertir que se perdemos a lingua non seremos ninguén. Queremos ser! Sexamos!”, conclúe.











