“Cantargrafías”, a mostra sobre a obra de Rosalía feita por alumnos do IES Virxe do Mar exponse en Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

A Sala de Exposicións de Brión acollerá ata o próximo 14 de maio a exposición “Cantargrafías”, unha mostra composta por 30 imaxes fotográficas (14 analóxicas e 16 dixitais) e dous pirogravados en madeira realizados polo alumnado do Ciclo de Fotografía do Instituto de Ensino Secundario Virxe do Mar (Noia). Unha mostra que foi inaugurada polo alcalde de Brión, Xosé Luís García, quen estivo acompañado polo director do IES Virxe do Mar, Xavier Castro; e pola profesora do Ciclo de Laboratorio de Imaxe do centro de secundaria noiés, Montse Pernas.

Xosé Luís García convidou a todos os veciños e veciñas de Brión a visitar “unha das exposicións máis bonitas e que máis ilusión nos facía recibir en Brión xa que mistura a fotografía cos versos de Rosalía. É unha mostra que ningún brionés debería deixar de visitar”. Neste sentido, destacou o feito de que Brión sexa o primeiro municipio que visita esta exposición fóra do Barbanza.

Pola súa banda, Xabier Castro agradeceulle ao Concello de Brión “a posibilidade de que os veciños e os escolares de Brión podan ver unha mostra do que se pode facer combinando fotografía con poesía”, conmemorando ademais o 151 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, “o punto de inflexión da nosa literatura”.

Pola súa banda, Montse Pernas destacou que a mostra “é a mirada actual a un poemario de hai 150 anos pero semella que esas dúas olladas non están tan distantes”. Así, Pernas destacou que “hai temáticas de Rosalía que seguen a ser de actualidade, como as alusións á emigración”.A profesora explicou que esta exposición é froito dunha homenaxe do alumnado de Fotografía do IES Virxe do Mar ao 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, polo que as imaxes ilustran fragmentos ou versos dos poemas escritos por Rosalía de Castro de diferente temática: desde paisaxes e tradicións, na liña máis costumista desta autora, ata temas de denuncia social, como a emigración, as desigualdades sociais… ou a Rosalía máis intimista (o amor e o desamor, o sufrimento, etc). Unhas imaxes nas que non podían faltar as referencias ás campás de Bastavales (Brión).

As imaxes expostas foron tomadas nas bisbarras de Muros-Noia, Barbanza e Compostela, debido á diferente procedencia do alumnado matriculado no ciclo, entre os que tamén se atopan dúas alumnas de Brión. A exposición xa percorreu durante o último ano os centros culturais de Noia, Outes, Boiro, Lousame, Porto do Son e Muros

28 de abril de 2014 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.