Cangas recibe a visita de alumnos franceses de intercambio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+
Estudantes franceses na visita a Cangas

Estudantes franceses na visita a Cangas

Hoxe foron recibidos na Casa do Concello un grupo de 53 alumnos do Collège Marc Chagall que se encontran en Cangas de intercambio con alumnos do IES María Soliño e do IES Montecarrasco. Os estudantes chegaron o xoves pola noite dende a localidade francesa de Dompierre- sur- Mer, próxima a La Rochelle, sendo acollidos por familias de alumnos dos centros educativos.

O venres foron recibidos pola comunidade educativa, realizando unha visita pola tarde ao Monte do Facho, lugar emblemático da vila canguesa, cunha parada no xacemento castrexo, dende o cal puideron gozar dunha paisaxe espectacular da Costa da Vela coas Illas Cíes ao fondo. Despois da fin de semana de convivencia coas familias de acollida o luns foron de visita a Santiago de Compostela. Na capital de Galicia os mozos e mozas franceses puideron asomarse a historia de galega percorrendo o casco vello coa catedral como protagonista indiscutíbel.

Visita ao Concello  

Este martes os estudantes realizaron unha visita a Casa do Concello onde foron recibidos no Salón de Plenos pola concelleira de Persoal María Lucía Lede en substitución do alcalde que por motivos de axenda non puido estar presente. A edil deu a benvida aos rapaces e rapazas a institución municipal e desexoulles unha feliz estancia na localidade morracense na que permanecerán ata o próximo xoves cando regresarán a Francia.

Na visita os alumnos tiveron a oportunidade de coñecer mellor o funcionamento e o traballo que se desenvolve dende a administración local así como da historia de Cangas poñendo a proba o seu coñecemento do español. A invasión turca de 1617 ou o desenvolvemento económico do século XIX coa chegada de empresarios cataláns e o auxe da industria conserveira coa factoría Massó como máximo expoñente foron alguns capítulos da historia canguesa que foron abordados. Tamén se falou sobre a gastronomía local que ten a navalla, o percebe e a bolandeira como os seus produtos estrela. Despois da visita os alumnos percorreron o resto das instalacións municipais para logo dirixirse ao casco vello de Cangas acompañados pola técnico municipal de turismo para coñecer mellor o patrimonio histórico e artístico local. Por último realizaron unha travesía pola Ría de Vigo ata a Illa de San Simón como peche da xornada.

O grupo de estudantes aínda ten por diante un intenso programa de actividades no que se inclúe unha visita ao concello de A Guarda e ao castro de Santa Tegra, Portugal e o concello de Tui rematando a mañá do xoves cunha visita a cidade de Vigo como punto e final a súa estancia en Galicia.

Non é a primeira vez que os institutos cangueses IES Montecarrasco e IES María Soliño participan neste tipo de intercambios aínda que si foi a primeira vez con este centro escolar francés. As profesoras de francés Elda Álvarez e Luz Jares destacaron a implicación da comunidade educativa nesta iniciativa así como das familias de acollida. Tamén agradeceron ao Concello de Cangas pola súa colaboración no desenvolvemento desta actividade. Dende o centro sinalan a utilidade deste tipo de iniciativas que permiten coñecer outros países e outras costumes, sobre todo no contexto europeo en liña con programas como o Erasmus na etapa universitaria, que contribúen a creación dunha sociedade máis aberta e multicultural.  

A visita será correspondida polos alumnos cangueses o próximo mes de maio cando viaxarán 46 alumnos e alumnas acompañados por catro profesoras de ambos centros educativos.

1 de abril de 2014 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.