Cangas finaliza o proceso selectivo dos 5 auxiliares de Policía Local
O Concello de Cangas deu por concluído o proceso selectivo dos cinco auxiliares de Policía Local que serán contratados durante catro meses coa finalidade de reforzar a seguridade no municipio durante os meses de verán, nos que se rexistra un importante aumento da poboación como consecuencia da actividade turística.
Durante a pasada semana realizáronse as probas físicas e o exame de coñecementos, e onte tiveron lugar a proba de toponimia e o exame de galego, que foi realizado por aqueles aspirantes que non presentaron a acreditación de ter obtido o Celga 3.
Así pois, publicouse na web do Concello a listaxe provisional coas puntuacións obtidas polos candidatos en cada unha das probas. O próximo luns darase a coñecer a lista definitiva de admitidos e estímase que se prestará a proposta de contratación na alcaldía do concello.











