Cangas expón a mostra “Re” da artista local Rebeca Fernández
A Casa da Xuventude de Cangas acollerá mañá a partir das 19.30 horas a presentación da exposición “Re” da canguesa Rebeca Fernández Chapela.
Esta xoven artista, naceu en Cangas en 1987 e licenciouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo en 2010. Nesta exposición podemos atopar gran variedade de pinturas que parten da ilusión como base, nas que prima o debuxo por riba de todo: a liña negra e a necesidade de repasar constantemente os volumes.
As obras presentadas caracterízanse por ser moi coloristas e estar cargadas de detalles significativos, populares e cotiás, que buscan a complicidade co espectador independentemente da súa idade.
Para estes traballos a artista tomou grandes referencias da pintura clásica en fusión co cómic, o deseño de estampados conxuntamente coa cultura popular, a publicidade, a televisión, iconos da infancia ou ídolos da actualidade, tendo sempre presente o humor.
En “Re” podemos atopar gran variedade de formatos dende retratos personalizados, pasando por madonas e bodegóns, paisaxes, pintura sobre pratos e ata tenis estampados a man.
A exposición poderá visitarse na Casa da Xuventude de Cangas ata o vindeiro 23 de maio.











