Cangas contrata a 15 socorristas e 3 patróns para velar pola seguridade dos bañistas no verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O gobenro local aprobou, na xunta de goberno celebrada onte, as bases para a contratación de 15 socorristas e 3 patróns que prestarán o servizo de salvamento marítimo nas praias municipais durante dous meses e quince días na temporada de verán.

O obxectivo desta contratación é proporcionar as máximas garantías de seguridade posibles aos centos de bañistas que cada día acoden aos areais cangueses durante a temporada estival.

A selección dos socorristas e os patróns realizarase mediante unha proba de oposición que constará de dúas partes. Ambos realizarán unha proba teórica que consiste nun test de 25 preguntas sobre o temario que será valorada cun máximo de 50 puntos, sendo o mínimo para superala 25.

Para os candidatos aos tres postos de patrón a proba práctica terá lugar nos pantaláns do Porto Deportivo e consistirá no manexo da embarcación, proba de atraque e desatraque, e entrada e saída en praia e en porto. No caso dos aspirantes a unha das 15 prazas de socorrista, a parte práctica consistirá nunha carreira de 200 metros pola area, entrar no mar e recoller un boneco de rescate acuático, remolcalo á orilla empregando a técnica adecuada e sacalo da auga ata un punto indicado polo tribunal. Antes do comezo do exercicio o tribunal establecerá unhas marcas mínimas e máximas a cumprir.

Ambas probas prácticas, as dos patróns e as dos socorristas, están valoradas en 50 puntos, dos que hai que acadar un mínimo de 25 para superalas. Son de caracter excluínte.

Aqueles/as aspirantes que superen a oposición pero que pola puntuación acadade non obteñan praza pasarán a formar parte dun listado que cubrirá as baixas e posibles renuncias.

Poderán presentarse como candidatos todos aqueles homes e mulleres maiores de 16 anos que non teñan cumprida a idade de xubilación forzosa que estean en posesión do graduado escolar ou FPI. No caso dos patróns deberán contar co título de patrón de navegación básica PNB ou superior. Os socorristas deberán cumprir o disposto no Decreto 104/2012 do 16 de marzo polo que se fixa a formación mínima dos socorristas.

As solicitudes de inscrición deberán ser entregadas nos dependencias do rexistro do concello, en horario de 9.30 a 13.30, nun prazo de dez días hábiles dende a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. Os aspirantes terán que entregar o modelo oficial de inscrición, unha copia cotexada do DNI, o xustificante do pago das taxas correspondentes e unha  copia cotexada da titulación esixida na convocatoria.

15 de abril de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.