Brión convoca a Viaxe a Mocidade 2014 que terá como destino Xerez da Fronteira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión vén de convocar a súa tradicional Viaxe da Mocidade, que este ano terá como destino Xerez da Fronteira. Unha viaxe que terá lugar no mes de xullo, concretamente entre os días 19 e o 26, e na que poderán participar un total de 52 mozos e mozas de Brión, de idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos.

O prezo da viaxe é de 160 euros, que inclúen desprazamentos e estancia a media pensión (pernocta, almorzo e cea) no Albergue Inturjuven Jerez de la Frontera, ademais das saídas que se realicen durante a estancia. Consciente da difícil coxuntura económica actual, o Concello de Brión fixo un esforzo para axustar o prezo desta actividade, que se reduce nun 37% con respecto a 2013 e nun 20% con respecto a 2012.

A inscrición poderá formalizarse entre o 2 de maio e o 12 de xuño de 2014 na Casa da Cultura de Brión, sendo o 12 de xuño a última data para facer efectivo o pago da viaxe. Os mozos e mozas interesados en participar poden consultar toda a información sobre a viaxe en: excursionmocidadebrion.blogspot.com, na propia Casa da Cultura ou no teléfono 981 50 99 69.

A Viaxe da Mocidade é a continuación dun proxecto que naceu a iniciativa dos participantes no Intercambio con Guillena 2005-2006 e que posteriormente levou aos mozos brioneses a visitar Cantabria, Málaga (2008 e 2012), Valencia, Guillena, Barcelona e Mallorca.

7 de abril de 2014 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.