Brión celebra o IV Festival de Música de Cámara que contará con 34 actuacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O auditorio do centro social polivalente de Brión acollerá mañá venres 11 de abril, ás 20:30 horas, a cuarta edición do Festival de Música de Cámara (FECAM 2014), que incluirá un total de 34 actuacións de máis de sesenta alumnos e alumnas tanto da Escola Municipal de Música Magariños. Os alumnos e alumnas do Plan Educativo Xeral e dos niveis académicos II e III ofrecerán unha recompilación de pezas de carácter camerístico. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.

Os rapaces actuarán en duetos, tríos e cuartetos, interpretando sobre todo pezas clásicas, algunhas tan populares como “O Danubio azul” ou a “Serenata nocturna” de Mozart. Así mesmo, o repertorio tamén incluirá algunhas pezas máis actuais como “I got rhythm” ou “A panteira rosa”, peza que será a encargada de pechar o concerto.

O director da ESMU Magariños, Carlos Pintor, explica que “a práctica da música de cámara cumpre unha función decisiva no desenvolvemento do oído musical, en todos os seus aspectos. O repertorio camerístico constitúe o medio idóneo para que o alumnado desenvolva o sentido da afinación, desenrolo que non pode deixar de ser instintivo e mimético, que se resiste a ser ensinando ou transmitido por métodos racionais e que require unha larga praxe musical, preferentemente en conxunto”.

O IV Festival de Música de Cámara está organizado pola Escola Municipal de Música Magariños e conta coa colaboración do Concello de Brión, da Deputación da Coruña e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

10 de abril de 2014 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.