Brión abre o prazo de inscrición para optar a unha das 40 prazas dispoñibles na gardería municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

Os Servizos Sociais de Brión, situados no centro social polivalente de Pedrouzos, recollen dende hoxe e ata o vindeiro 30 de abril as solicitudes de praza na escola infantil municipal para o curso 2014-2015. Despois da renovación dun total de 52 cativos deste curso, este ano ofértanse un total de 40 prazas: 16 prazas para bebés menores de un ano, 10 prazas para nenos e nenas de 1 a 2 anos e 14 prazas para nenos de 2 a 3 anos.

Os requisitos indispensables para poder solicitar praza son: ter 3 meses de idade en setembro de 2014 (e non cumprir os 3 anos antes do 31 de decembro de 2014) e acadar a puntuación suficiente no baremo de admisión. De acordo coa renda familiar e o número de membros da familia, o Concello de Brión outorgará unha puntuación a cada solicitude, que será a que determine a admisión dos rapaces no caso de que houbese máis solicitantes que prazas.

A documentación precisa é: DNI dos pais, libro de familia, declaración da renda do exercicio 2012 e informe da situación actual da Tesourería Xeral da Seguridade Social  ou Informe de Vida Laboral (actualizados ao mes de abril para facerse unha idea exacta da situación actual da unidade familiar). Así mesmo, se é o caso, deberán presentar a tarxeta de demandante de emprego, o certificado de discapacidade, o certificado de separación/divorcio ou o convenio regulador.

15 de abril de 2014 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.