Bo ritmo nas obras de rehabilitación dos Cunchidos que incorpora novas suxestións dos veciños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O concelleiro delegado da parroquia de Lourizán, Demetrio Gómez visitou esta mañá os traballos de rehabilitación integral do barrio dos Cunchidos, no lugar de Pexegueiro, na parroquia de Lourizán. Ademais de técnicos municipais e de operarios da empresa, o concelleiro estivo acompañado de varios veciños que fixeron suxestións de mellora das obras se incorporarán ao proxecto, tal e como soe ser habitual neste tipo de traballos atendendo sempre a opinión ou propostas da veciñanza. De feito, acordouse empedrar unha escaleira, que non estaba previsto no proxecto inicial.

Os traballos que se están executando son diversos: eliminación de barreiras, accesibilidade, mellora de pavimentos, canalizacións de pluviais, entre outros moitos pequenos traballos que pretenden ennobrecer a estrema do concello de Pontevedra co de Marín, un dos poucos barrios mariñeiros que aínda conserva a capital.

A rehabilitación comezou cun zafarrancho de limpeza en todo o barrio do Pexegueiro. Tamén se están a eliminar barreiras arquitectónicas suavizando as duras pendentes co cambio de firmes, mellora de ramplas e colocacións de pasamáns para facilitar o tránsito peonil do barrio, especialmente para a poboación de máis idade.

Tamén se está a actuar nas conducións da auga, que están escavadas na pedra. Cubriranse con rexas e selaranse ben para que a auga non entre nas casas.

Os firmes máis deteriorados ou os que están en terra substituiranse por formigón, enmarcado en lastro cada dous metros. Nas zonas que está mellor, encintarase. Nun lugar concreto da actuación, empregarase unha resina nova baixo a rúa para garantir a estabilidade de dúas vivendas que teñen comprometida a súa cimentación.

Estanse a facer todos os traballos a man, dado que as rúas son moi estreitas, todas peonís. O investimento é de 38.700 euros, segundo explicou Demetrio Gómez, delegado da parroquia de Lourizán e impulsor dos traballos previamente consensuados no Consello parroquial.

11 de abril de 2014 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.