publicidade hoxe

Besteiro garante ós veciños de Guitiriz o investimento de 1,2 millóns de euros para o centro de día

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLocal PortadaLugo
A-
A+
Gómez Besteiro na reunión cos representantes dos veciños de Guitiriz

Gómez Besteiro na reunión cos representantes dos veciños de Guitiriz

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, trasladoulles ás representantes da plataforma cidadá Falemos Claro de Guitiriz coas que mantivo un encontro esta mañá en San Marcos o compromiso inquebrantable do organismo provincial de investir 1,2 millóns de euros na construción dun centro de día e residencia públicos na localidade. “O investimento segue comprometido co pobo de Guitiriz. Estaba comprometido co anterior goberno municipal, estao con este, e estarao co futuro goberno municipal”, subliñou.

Sen embargo, dado que durante os últimos tres anos este goberno municipal “non parece do máis interesado en desenvolver este proxecto, ó poñer obstáculos distintos cada día e dar unha serie de bandazos”, Gómez Besteiro esixiulle que “clarifique se está decidido en serio a rehabilitar a Casa da Botica como centro de día e residencia ou se está xogando a outra cousa. É bo aclaralo”, sinalou, ademais de instalo a desbloquear a concesión da licenza.

O mandatario provincial puxo de relevo que noutras localidades, como Castroverde, Pol ou Trabada estas dotacións sociais “están a punto de rematarse. Polo tanto, é bo que o investimento de Guitiriz tamén se materialice”.

“Colaboración cero de Núñez Feijóo”

O Presidente recalcou que, a pesar da “colaboración cero do Goberno de Núñez Feijóo, a rede de residencias e centros de día públicos da Deputación segue adiante co fin de prestar servizos a quen no os ten, e quen non os ten son os municipios máis pequenos, os que máis necesitan a axuda da Deputación”.

Pola súa banda, a plataforma veciñal Falemos Claro iniciou coa entrevista con Gómez Besteiro “unha serie de reunións con Deputación e Concello para que nos expliquen de primeira man cal é a problemática que ten a construción da residencia e centro de día de Guitiriz porque xa leva moito tempo así. Queremos, ou ben iniciar xa o proceso de rehabilitación, ou resolver dunha vez por todas esta polémica”. As representantes de Falemos Claro reunidas co Presidente –Marian Miraz Vázquez, Carmen Lamela Viera e María Pilar Campo Domínguez- abundaron en que a intención do colectivo é coñecer en detalle o proxecto da Deputación, así como as pretensións do Concello, ó que confirmaron que lle solicitarán hoxe mesmo un encontro.

Catro versións do Alcalde en tres anos

Nos últimos tres anos, o Alcalde de Guitiriz, Xosé María Teixido, ofreceu ata catro versións distintas, todas elas sen fundamento, para rexeitar a dotación social da Deputación, unha mostra clara da súa clara vontade de torpedear o proxecto.

1ª versión: Rexeita o proxecto porque a Casa da Botica é un lugar moi céntrico, o que impediría a tranquilidade dos usuarios. Opoñéndose a esta localización, o rexedor vulnera o acordo do Pleno de Guitiriz que aprobou un convenio coa Deputación para poñer en marcha o xeriátrico na Casa da Botica.

2ª versión: Acepta situar o centro de día e residencia na Casa da Botica, pero coa condición de abrir unha rúa alí mesmo, o que deterioraría a calidade asistencial e encarecería a prestación do servizo, ó reducir un 50% as dimensións das instalacións.

3ª versión: Rexeita o proxecto porque, di, non contempla o servizo de centro de día. Nas distintas sesións da Comisión de Seguimento convocadas explicóuselle e puido comprobar que o plan recolle todas as características técnicas para ser residencia e centro de día.

4ª versión: Rexeita o proxecto porque, asegura, incumpre a normativa urbanística, sen explicar en que puntos a vulnera, e propón trasladalo a Parga.

Todas as residencias e centros de día impulsados pola Deputación, de semellantes características, foron aceptadas por rexedores de Concellos de todas as cores políticas, agás Teixido. Ante esta situación, a Deputación creou unha Comisión de Seguimento, da que forma parte o propio Alcalde, co obxectivo de desbloquear o proxecto. A cuarta reunión desta comisión terá lugar o vindeiro luns, ás 12:00 horas.

25 de abril de 2014 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.