publicidade hoxe

Besteiro abordará coa plataforma cidadá ‘Falemos claro’ a situación do centro de día e residencia de Guitiriz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e representantes da plataforma cidadá “Falemos Claro” de Guitiriz, manterán un encontro este venres no Pazo de San Marcos, no que tratarán a situación do proxecto de construción do centro de día e residencia público de dito municipio chairego. É o único centro para maiores da Deputación que leva 3 anos bloqueado debido ó rexeitamento do Alcalde. En contraposición, o organismo provincial está a construír os de Trabada, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro e Pol. Proximamente, iniciará os de Navia de Suarna e Ribas de Sil.

Todas as dotacións sociais, de semellantes características, foron aceptadas por Rexedores de Concellos de todas as cores políticas agás Teixido. Ante esta situación, a Deputación creou unha Comisión de Seguimento, da que forma parte o propio Alcalde de Guitiriz, co obxectivo de desbloquear este proxecto. A vindeira semana terá lugar a cuarta reunión da Comisión.

A postura de Teixido nas xestións coa Deputación para a construción do centro para maiores foi a seguinte:

– Primeiro afirmou publicamente que non quería un centro para maiores na Casa da Botica porque era un lugar moi céntrico para a tranquilidade dos usuarios. Díxollo ós medios de comunicación, pero nunca llo comunicou oficialmente á Deputación. Para coñecer a súa postura e chegar a un acordo co que desbloquear este proxecto, a institución creou a Comisión de Seguimento, da que forma parte Teixido. Nas dúas primeiras reunións, o Alcalde non desvelou as súas intencións.

– No terceiro encontro da Comisión de Seguimento, Teixido presentou unha modificación do proxecto, que consiste na construción dunha nova rúa na propia Casa da Botica. É dicir, pasou de opoñerse á construción do centro na Casa da Botica por ser un lugar demasiado céntrico para tranquilidade dos usuarios, a querer abrir alí mesmo unha vía, poñéndoos en perigo e reducindo nun 50% as dimensións do centro. Coa súa proposta, ofertaríanse 14 habitacións compartidas, cando a Deputación propón 24 individuais. O número de usuarios non cambiaría, polo que o persoal a contratar que establece a lei de Servizos Sociais sería o mesmo, mantendo os custes. Tendo en conta que habería menos servizos e de peor calidade, o centro sería más caro.

Os mesmos servizos en todos os centros

A Deputación mantén para Guitiriz un centro de día e residencia público de calidade, cos mesmos servizos que as restantes dotacións sociais que constrúe en Concellos lucenses de distintas cores políticas. Hai que ter en conta que o 30% da poboación de Guitiriz supera os 65 anos e que unha vintena de veciños xa acuden a centros privados fóra deste municipio.

O obxectivo da rede pública de centros de día e residencias da Deputación é potenciar o benestar e mellorar a calidade asistencial dos maiores con novas dotacións sociais que xeren emprego e combatan o despoboamento demográfico no rural. A posta en marcha destas instalacións suporía a creación duns 20 novos postos de traballo directos en Guitiriz (coidadores sociais, médicos, ATS como os de administrativos, cociñeiros ou persoal de limpeza…) e ducias de indirectos. Ademais, impulsaría a economía da zona, potenciando a actividade de pequenas empresas e autónomos. Outro exemplo dos posibles beneficios deste proxecto é que só por conceder a licenza de obra, que é imprescindible para poder iniciar estes traballos, o Concello ingresaría inmediatamente nas arcas locais uns 50.000 euros.

22 de abril de 2014 | 20:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.