Beatriz Mato avoga por promover a responsabilidade social nas empresas nos premios ‘Telefónica Ability Awards’

Beatriz Mato nos Telefónica Ability Awards. Foto: A. Varela
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe en Santiago, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na presentación dos premios ‘Telefónica Ability Awards’, onde recoñeceu a importancia destes galardóns, ao premiar ás empresas que axudan a derrubar barreiras e o labor que fan pola integración das persoas con discapacidade. “É importante alentar o traballo que realizan as firmas que consolidan un modelo de responsabilidade social e animan, á súa vez, a que outras sigan o mesmo camiño”, destacou.
Mato indicou, precisamente, que fomentar a responsabilidade social nas empresas é un dos obxectivos prioritarios da Xunta, xa que esta actuación promove a inserción laboral das persoas con discapacidade. Para iso, a titular de Traballo destacou que a Xunta está a fomentar a orientación laboral deste colectivo e a mellorar a súa empregabilidade a través da formación. Así mesmo, está a incentivar a súa contratación na empresa ordinaria e está a financiar a actividade dos centros especiais de emprego.
Deste xeito, Mato sinalou que o departamento autonómico está a investir este ano para os programas de emprego para a discapacidade 17,4 millóns de euros, un 8 por cento máis que en 2013. Só a financiar o emprego dos traballadores e traballadoras dos centros especiais de emprego destínanse 7,5 millóns co que se subvencionará o emprego de 2.000 traballadores e traballadoras con discapacidade en 114 centros por toda Galicia.
Por último, a conselleira animou ás empresas galegas a presentar as súas candidaturas a este premios, xa que asegurou que son moitas as que promoven a igualdade no acceso ao emprego “porque resulta un factor clave na independencia económica, na participación social das persoas e, en consecuencia, tamén no seu benestar”, concluíu.











